O empobrecemento das clases traballadoras da UE provoca o aumento das mobilizacións sociais

Sindicatos dos Estados da UE prevén mobilizacións en outono.
Manifestación en Praga, na República Checa, o 3 de setembro (Foto: Policía da República Checa).
photo_camera Manifestación en Praga, na República Checa, o 3 de setembro (Foto: Policía da República Checa).

Fronte á suba da inflación de 9,1% do pasado agosto no conxunto da UE atópase o crecemento dos salarios desde 2020, que aumentaron tan só 4,5%, o que se traduce nunha caída dos salarios reais, é dicir, na capacidade de compra.

Unha perda de poder adquisitivo que é aínda máis grave na Galiza, onde a suba interanual dos salarios no primeiro semestre de 2022, de 5,7%, viuse mermada polo dato da inflación, que alcanzou 11% en agosto.

Este empobrecemento das clases traballadoras galegas afecta especialmente a aquelas persoas que cobran menos, xa que o salario mínimo tan só se incrementou en 5,2%, polo que os seus salarios reais aínda perderon máis capacidade de compra relativa que os da media.

Resposta sindical

Sindicatos de Estados membro da Unión Europea (UE) levan meses intensificando a súa actividade reivindicativa e espérase que esta aumente de cara ao próximo outono diante da perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras.

"Os traballadores e os seus sindicatos en toda Europa non quedarán de brazos cruzados mentres se ataca o nivel de vida", afirmou a secretaria xeral adxunta da Confederación Europea de Sindicatos, Esther Lynch, que anunciou que "se espera que os sindicatos intensifiquen e coordinen as súas accións nas próximas semanas".

De feito, en algúns Estados da UE como Alemaña, Suecia ou a República Checa xa están convocadas mobilizacións sociais por parte da clase traballadora con periodicidade semanal.

No punto de mira está a suba dos prezos de practicamente todos os produtos básicos, que no caso da Galiza aumenta a un ritmo 200% superior que a dos salarios, lastrada á súa vez polo alto custo das materias primas, especialmente as enerxéticas.

Até o momento, xa se produciu un aumento da actividade sindical no continente, traducida en folgas e protestas en varios Estados da UE, mais espérase que esta se intensifique nas próximas semanas para presionar de cara á celebración do Consello Europeo os próximos 20 e 21 de outubro.

No caso do Estado español, a Galiza é o segundo territorio cunha maior mobilización social, pois despois de Euskadi, o galego é o país onde se desenvolven máis xornadas de folga cunha duración máis longa.

Comentarios