Case 70.000 persoas maniféstanse en Praga contra o Goberno checo e as inxerencias da OTAN

Os manifestantes exixiron a dimisión do Executivo estatal e a adopción de medidas para facer fronte á crise enerxética que afecta o país.
Imaxe da manifestación deste sábado en Praga. (Foto: Policía checa)
photo_camera Imaxe da manifestación deste sábado en Praga. (Foto: Policía checa)

Na tarde deste sábado, as rúas de Praga, capital da República Checa, enchéronse de decenas de milleiros de persoas que protestaban contra a política de colaboración do Goberno checo coa Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e exixían políticas de axuda aos sectores máis necesitados para facer fronte ao encarecemento da enerxía.

Segundo a propia policía checa, unhas 70.000 persoas xuntáronse na praza de Wenceslao para pedir a dimisión do Executivo estatal e a saída da OTAN. Outras fontes deron cifras de asistencia que oscilan entre as 50.000 e as 100.000 persoas manifestándose.

O primeiro ministro checo, Petr Fiala, afirmou que esta concentración foi convocada por simpatizantes pro Rusia, influenciados pola “propaganda de Putin e do Kremlin”.

Aínda que polo de agora descoñécese quen organizou a manifestación desta tarde, a páxina web oficial do evento sinalaba que, entre os poñentes que falarían ao público na praza de Wenceslao, estarían integrantes do Partido Comunista e de Liberdade e Solidaridade, un dos partidos da extrema dereita checa que exixen a saída do seu país da OTAN e da Unión Europea (UE).

Situación na República Checa

A República Checa atópase actualmente cos maiores niveis de inflación desde 1993, impulsada maiormente polo aumento do prezo da enerxía e da vivenda. Lonxe de chegar ao seu máximo, o banco central checo xa avisou que é moi probábel que ese pico non se alcance até dentro duns meses, e que podería situarse próximo a 20%.

O Executivo de Petr Fiala xa anunciou un paquete de axudas estatais, valorado en 177.000 millóns de coroas, case 7.200 millóns de euros, para intentar revitalizar o tecido económico e social do país. Estas axudas, que supoñen 3% do PIB checo, inclúe aumentos salariais para o funcionariado e axudas para pagar os custos enerxéticos.

Porén, unha parte da poboación checa considera insuficientes estas medidas, e demanda que o Goberno checo, un dos que mantén unha postura máis activa de apoio a Ucraína e á OTAN, abandone esta postura e asine un contrato directo con Moscova para conseguir gas a un prezo reducido.

Tamén exixen a neutralidade militar da República Checa e, aínda que esta medida só foi defendida pola extrema dereita, restrinxir o asentamento permanente da poboación refuxiada polo conflito bélico en Ucraína.

Comentarios