A inflación na Eurozona bate récord mais é dous puntos menor que a galega

O impulso principal deste incremento de prezos na zona euro foi a enerxía, que experimentou unha suba interanual de 38,6%, un punto menos que en xullo.
A suba da inflación está a complicar a recuperación da hostalaría, que teme non poder facer fronte ao pagamento dos préstamos (Foto: Europa Press).
photo_camera A suba da inflación está a complicar a recuperación da hostalaría, que teme non poder facer fronte ao pagamento dos préstamos (Foto: Europa Press).

A taxa interanual de inflación da zona euro alcanzou no mes de agosto unha cifra récord de 9,1%, o que supón un incremento de dous décimas respecto ao dato de xullo (8,9%), segundo informou este venres Eurostat, a oficina comunitaria de estatística.

Unha porcentaxe que fica dous puntos por baixo da inflación tinxida na Galiza nese mesmo mes (11%) e que xa ra superior en medio punto á media española (10,5%).

O impulso principal deste incremento de prezos na zona euro foi a enerxía, que experimentou unha suba interanual de 38,6%, un punto menos que en xullo.

Tamén influíu a suba de 11% dos alimentos procesados, e 10,5% no caso do alcol e o tabaco. Seguen na lista os servizos, que subiron 3,8%, e os bens industriais non enerxéticos, que marcaron unha cifra de 5,1%.

Conxunto da UE

No conxunto da Unión Europea, a taxa de inflación supera nun punto a da zona euro, até 10,1%, o que supón un incremento de tres décimas en comparación coa taxa de xullo. Porén, esa inflación segue a estar un punto por baixo da marcada na Galiza.

Dos Vinte e sete países que forman a Unión Europea, no mes de agosto rexistrouse inflación de dobre díxito (por riba de 10%) en 15 deles.

O efecto da inflación é unha das cuestións que marcan as decisións económicas en Europa. A semana pasada, o Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) acordou un subida récord dos tipos de interese de 75 puntos básicos e estimou que aínda serían necesarias máis subidas nas súas futuras reunións para frear a subida xeneralizada de prezos.

A Galiza, por riba

A inflación en agosto volveu repetir unha dinámica que se reproduce desde hai tempo: na Galiza é superior á media no Estado español e en Europa. O diferencial negativo na categoría de "vivenda, electricidade, auga e combustíbel" é para algúns economistas o factor determinante á hora de analizar esta diferenza.

Comentarios