Os conflitos laborais das industrias galegas rematan o ano de forma desigual

Alcoa remata o ano cun acordo entre o persoal e a dirección para grarantir a viabilidade futura de San Cibrao, mentres que Vestas afonta a súa última xornada e o persoal de Alu Ibérica teme pola chegada dun ERE extintivo.
Carteis de apoio á industria ás portas do complexo industrial de Alcoa en Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Carteis de apoio á industria esta cuarta feira ás portas do complexo industrial de Alcoa en Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O ano remata de forma desigual para as empresas marcadas polos conflitos laborais en 2021. A mellor parada, cunha solución que desde o comité cualifican como "a menos mala", é Alcoa, que esta cuarta feira rubricou o acordo para suspender a produción durante dous anos, a cambio de permisos remunerados, co compromiso de retomar a actividade en 2024.

Esta quinta feira celebrouse a primeira reunión da mesa de seguimento do acordo, na que participaron a ministra de Industria, Reyes Maroto e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, xunto a directivos da multinacional e representantes dos traballadores e das traballadoras.

Precisamente, estes últimos foron os máis críticos co acordo alcanzado que, se ben respectan, estarán "vixiantes" para que se cumpra, "nomeadamente no referido ao calendario para o arranque das series de electrólises canto antes", indicaba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que recoñeceu a "total falta de confianza na multinacional á vista das súas anteriores actuacións".

No mesmo senso, desde CCOO afirman que toca "estar máis atentos que nunca, non baixar a garda e espremer ao máximo a comisión paritaria de seguimento" co obxectivo de "velar polo futuro de centenares de familias", sexa na mesa de vixilancia, nos despachos institucionais "e nas rúas se fose necesario", advirten.

Acordo con Capital Energy

Un dos problemas que afecta á empresa, o mesmo que ao resto de electrointensivas, é o aumento dos custos enerxéticos. 

Para minimizar este problema, Alcoa comprometeuse a aproveitar a parada da actividade para negociar contratos de venda de enerxía a longo prazo. 

E se a semana pasada era a galega Greenalia a que anunciaba un preacordo co xigante do aluminio para subministrar enerxía á factoría de San Cibrao (Cervo), onte foi a quenda de Capital Energy, que se compromete con Alcoa a subministrar anualmente e por un período inicial de dez anos a contar desde 2024, un total de 876.000 megawatts hora (MWh) anuais, equivalentes a unha potencia en carga base de 100 megawatts (MW), que equivalen á cuarta parte do consumo eléctrico asociado á produción de aluminio en San Cibrao.

A este respecto, Paulo Carril criticou que, "a pesar das reiteradas solicitudes do comité", a multinacional non aclarou con que socios enerxéticos estaba a negociar. Fíxo en referencia ao anuncio de Greenalia na véspera do referendo, un tipo de actuacións "que son as que minan a confianza nas intencións da empresa", subliñou.

Final amargo en Vestas e Alu Ibérica

Alcoa confía en volver a actividade o antes posíbel. Non ocorre o mesmo con Vestas en Viveiro e Alu Ibérica na Coruña. 

No caso de Vestas, porque se ben o persoal aceptou unha conciliación económica previa ao xuízo pola súa reclamación contra o despedimento colectivo, hoxe faixe efectivo o cesamento da actividade na factoría. Queda por ver se outra empresa toma o relevo antes de 2023.

No de Alu Ibérica, coa empresa en concurso e o persoal afectado por un ERTE, a tensión é máxima, e máis despois de que o comité da planta de Avilés anunciase esta quinta feira que o administrador concursal anunciase que se ve "obrigado" a expor un expediente de regulación de emprego (ERE) extintivo "inminente" ante a falta de investidores.

Comentarios