Vestas escoitará ofertas pola planta de Viveiro até finais de 2022

A multinacional danesa fechou onte sen acordo as negociacións do ERE que afecta 115 traballadores e traballadoras e comprométese a escoitar ofertas pola planta até final de 2022.
Protesta do persoal de Vestas en Viveiro o pasado mes de outubro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Protesta do persoal de Vestas en Viveiro o pasado mes de outubro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O prazo de negociación do ERE de Vestas en Chavín (Viveiro), que afecta 115 traballadores e traballadoras, rematou esta segunda feira con denuncias do comité  de "mala fe" por parte da empresa nas conversas.

A multinacional danesa non accedeu a ampliar o prazo até final de ano, como pedían desde o comité e as Administracións. Será nesa data cando a empresa feche as portas da instalación fabril, xa que só garante a continuidade da actividade até 31 de decembro deste ano.

Un ano máis, até finais de 2022 é o prazo que ofrece Vestas para que as partes atopen un posíbel investidor interesado en continuar coa actividade industrial da planta de Chavín. Para este fin contratou LHH, compañía á que outorgou o mandato de identificar a un investidor "e que xa traballa estreitamente con KPMG, consultora á que o Instituto  Galego de Promoción Económica (Igape) encomendou a mesma tarefa", así como con Invest in Spain, pertencente ao Ministerio de Industria.

Sen novas propostas

Ao rematar a xuntanza desta segunda feira, o comité de Vestas emitiu un comunicado no que lamenta que a empresa "non presentase novidades" respecto á súa última proposta, que pasa por reconverter a planta nun centro de operación e mantemento para máis de 20% do persoal, a recolocación do resto dos empregados e empregadas noutras instalacións de Estado español e a creación dunha bolsa de emprego.

Agora, desde o comité, que cualificaron a xuntanza como "tensa", agardarán a ver a resposta das Administracións ante a "mala fe" coa que está a executar este proceso Vestas. 

Polo de pronto, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, lamentou que a empresa "non respondese as expectativas" que se estabeleceron entre a propia multinacional, a Xunta e o Ministerio de Industria para atopar unha solución á situación da fábrica de Viveiro, ao tempo que criticou que a empresa "non transmitise a súa vontade" de ampliar a negociación para poder "atopar algún tipo de saída" para os traballadores.

Vestas anunciou en setembro o feche da fábrica de Viveiro a finais de 2021 xunto coas factorías de Lauchhammer (Alemaña) e Esbjerg (Dinamarca) no marco dun axuste de produción por causas operativas condicionadas polo mercado.

Comentarios