Impiden Alu Ibérica entrar en liquidación

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña entende que "existen dúbidas" sobre as facultades do administrador xudicial para instar a liquidación.
Traballadores e traballadoras de Alu Ibérica o pasado mes de maio ante os xulgados da Coruña o día da vista do xuízo de Alcoa (Foto: M.Dylan / Europa Press).
photo_camera Traballadores e traballadoras de Alu Ibérica o pasado mes de maio ante os xulgados da Coruña o día da vista do xuízo de Alcoa (Foto: M.Dylan / Europa Press).

Alu Ibérica logra evitar entrar en fase de liquidación, cando menos de momento. O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña vén de denegar a apertura do proceso de liquidación da planta de aluminio da Coruña, tal e como instara o administrador xudicial da compañía, que incorporou esta petición na solicitude de declaración do concurso de acredores, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

No auto da xuíza, contra o que cabe presentar recurso, o tribunal argumenta que "resultaría imprudente acordala agora (a liquidación) a solicitude da administración xudicial cando, como pouco, existen dúbidas sobre o alcance das súas facultades para instar a liquidación, e tendo en conta as consecuencias, en particular no referido á disolución da sociedade".

Con todo, a maxistrada sinala no auto que a denegación da apertura da fase de liquidación realizouna "sen prexuízo do que poida solicitarse e acordarse durante a tramitación do procedemento".

Concurso voluntario

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña declarara en concurso voluntario de acredores á planta coruñesa hai tres semanas, tras considerar acreditado o seu estado de insolvencia. 

Fixoo despois de que a xuíza da Audiencia Nacional María Tardón autorizase o administrador xudicial da antiga factoría de Alcoa a instar o concurso ante as flagrantes dificultades para facer fronte aos seus pagamentos.

Porén, nese auto, con data de 30 de novembro, a maxistrada non se chegou a pronunciar sobre a solicitude de apertura da fase de  liquidación da sociedade, pois consideraba que non procedía pronunciarse sobre esa cuestión nese momento procesual.

No seu defecto, a maxistrada concedeu un prazo de cinco días ao administrador xudicial, que actúa en nome da empresa, para acreditar que estaba autorizado para solicitar a devandita liquidación, algo que o Xulgado do Mercantil da Coruña vén agora de rexeitar.

Comentarios