O persoal de Alcoa escolle "a opción menos mala" e accede a parar as cubas

O presidente do comité de Alcoa en San Cibrao afirma que o persoal escolleu a opción que considerou "menos mala", ao tempo que advertiu de anos duros pola parada das cubas.
Un traballador de Alcoa sostén unha bengala durante a mobilización con vehículos do pasado 31 de outubro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un traballador de Alcoa sostén unha bengala durante a mobilización con vehículos do pasado 31 de outubro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Os traballadores e traballadoras de Alcoa en San Cibrao (Cervo) falaron nas urnas para dar un si masivo á proposta da multinacional de parar dous anos a produción de aluminio primario a cambio de permisos retribuídos, un plan de investimentos de 91 millóns de euros e o compromiso de non realizar despedimentos nos próximos catro anos.

Os resultados da votación, difundidos polo comité de empresa á primeira hora da madrugada desta cuarta feira, sitúan no 69,68% os apoios ao si entre o persoal, cuxa participación alcanzou 76% dos 1.063 traballadores e traballadoras censados. Dos 808 votos emitidos, 563 votos foron a favor, 196 votos en contra (24,26%), 40 en branco (4,95%) e nove nulos (1,11%).

Após coñecerse os resultados, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, recoñeceu respecto á votación que "as dúas decisións eran malas e elixiuse a que o persoal cría que era menos mala", xa que "ninguén puxo sobre a mesa unha solución que dese viabilidade" para os anos 2022 e 2023, resaltou.

"Con que cubrise unha pequena necesidade para que polo menos esas 200 cubas se puidesen manter, sería distinto. Non é o mesmo unha baixada de produción que un cesamento da actividade", incidiu.

Zan, que respecta o resultado saído das urnas, advertiu ao persoal de que van pasar "os peores momentos da súa vida laboral" nos próximos dous anos debido ao cesamento da produción.

Neste sentido, avisou da "auténtica hecatombe" que supón para España que entre 2022 e 2024, "como mínimo", non produza aluminio primario, "un material tan necesario non só para a transición ecolóxica, senón tamén para sectores elementais como o farmacéutico, a automoción ou a alimentación".

Inquedanza nas auxiliares 

Na votación desta terza feira tamén participou o persoal das firmas auxiliares que traballan para Alcoa en San Cibrao. Neste caso, o resultado foi o contrario. Con 180 votos emitidos, 54 foron a favor (30%), 105 en contra (58,3%) e 21 en branco (11,7%).

Segundo explicou a Nós Diario o portavoz da plataforma de auxiliares de Alcoa en San Cibrao, Kike Rocha, isto débese a que os traballadores e traballadoras das firmas que traballan para a multinacional do aluminio "ven os seus postos con menos garantías que os da principal". "É certo que se van renovar os contratos tres anos, pero a carga de traballo non depende só deles, senón tamén de obras que saca Alcoa para a renovación de planta", apunta Rocha. 

Neste senso, o portavoz das auxiliares pide a Alcoa que concrete a necesidade de man de obra para os traballos que pretende acometer durante a parada e tamén se a carga de traballo vai ser para todo o período ou só se vai concentrar en determinados meses. "É unha incerteza, e pode ser que algúns postos de traballo corran perigo", advirte. 

Con todo, o responsábel sindical sinala que o que hai que mirar agora "é que Alcoa cumpra o cento por cento do acordo que se vai asinar". Iso si, Rocha non entra a valorar o resultado dunha votación que se fixo "democraticamente" e na que "o único que había que elixir era entre unha morte rápida ou lenta, seguramente, e saíu o que saíu".

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios