O anuncio chega horas antes dunha asemblea decisiva para o futuro da fábrica

Greenalia anuncia un preacordo con Alcoa para fornecer electricidade á factoría de San Cibrao

 

A empresa eléctrica Greenalia vén de facer pública un preacordo coa multinacional Alcoa para fornecer electricidade a súa factoría de San Cibrao en Cervo a partir de 1 de xaneiro de 2024. As fontes sindicais da factoría e especialistas do sector das renovábeis consultadas por Nós Diario “dubidan” da seriedade da proposta.

 

Concentración do persoal de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Concentración do persoal de Alcoa en San Cibrao (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A proposta remitida por Greenalia sinala que “se comprometería con Alcoa á subministración de enerxía renovábel por unha cantidade de até 2.297 xigawatts ao ano”. Na mesma liña, a compañía con sede na Coruña destaca que “o marco regulador da subministración contemplaría unha duración mínima de 10 anos, comezando desde o 1 de xaneiro de 2024”.

Segundo a eléctrica, o “preacordo enmárcase na proposta de plan industrial de Alcoa para reactivar a instalación a partir do 2024 nun contexto alcista no referente ás tarifas eléctricas,  polo que o recurso eólico é unha oportunidade para asegurar no medio prazo a competitividade da industria galega, e en particular para Alcoa”.

O presidente de Greenalia, José María Castellanos significa que “esta operación é unha mostra clara do noso firme compromiso coa industria electrointensiva do noso país, clave no desenvolvemento económico e laboral. Neste marco, Alcoa é un elo esencial para o tecido produtivo da Galiza”

“Por esta razón”, continúa Castellanos, “estamos dispostos a traballar sen descanso para que os proxectos estean en marcha en tempo e forma”. Na mesma liña, o presidente da compañía asegura que “Greenalia achega os seus proxectos e estrutura para que a planta de Alcoa se poida converter nunha das plantas de produción de aluminio con fontes de enerxía renovábel máis competitivas a nivel europeo”.

As dúbidas do sector das renovábeis

A proposta de Greenalia xera dúbidas no propio sector das renovábeis. A este respecto, as fontes consultadas por Nós Diario indican que “que Grenalia só dispón de 22.5 megawatts instalados na comarca da Mariña, concretamente nun parque eólico instalado en Ourol”. Na mesma liña, lembran que a compañía non chega a “80 megawatts de orixe eólica en toda Galiza”.

“É curioso que Greenalia faga público agora este preacordo”, sinalan estas fontes, que lembran que “Greenalia ten unha autentica guerra montada cos seus proxectos de parques eólicos na Terra Chá, a Corda e A Mariña. Mesmo a Xunta da Galiza ten informado desfavorabelmente da maioría destes proxectos porque as instalacións van localizadas fóra das áreas delimitadas no Plan Sectorial Eólico”

As mesmas fontes advirten que “o comunicado emitido por Greenalia tampouco fixa o prezo de subministro da enerxía a Alcoa”. “Se a operación estivera avanzada ou houbera algo en firme Greenalia adiantaría o prezo do contrato, algo habitual cando se anuncian estes acordos ou preacordos deste tipo”, afirman.  

Comité de empresa

Os representantes sindicais da factoría de Alcoa San Cibrao descoñecen os termos de acordo e recoñecen a súa sorpresa. Así, explican a Nós Diario que “a dirección da empresa convocounos mañá a un encontro supostamente para explicar a proposta de Greenalia”.

As fontes sindicais consultadas por Nós Diario  consideran que a compañía quere interferir con este anuncio  no ánimos dos traballadores de cara a asemblea de mañá”, porén mantense firme no seu rexeitamento á parada das cubas de electrólise proposto pola empresa.

O cadro de persoal da factoría de Alcoa na Mariña debe decidir esta segunda feira sobre unha proposta da empresa para a paralizar a actividade nas cubas de electrólise até 1 de xaneiro de 2024,  unha alternativa que rexeitan a totalidade dos sindicatos que fan parte do comité.

Comentarios