Capital Energy anuncia un preacordo con Alcoa para fornecela de enerxía dez anos a partir de 2024

O grupo de renovábeis sinala que asumiría este compromiso grazas á entrada en funcionamento dun total de 11 instalacións eólicas que está a desenvolver na actualidade na Galiza e que suman unha capacidade instalada de 573 MW.
Vista da planta de Alcoa en San Cibrao.
photo_camera Vista da planta de Alcoa en San Cibrao.

Capital Energy selou un preacordo con Alcoa para a subministración de enerxía renovábel a longo prazo (PPA, polas súas siglas en inglés), a partir de 2024, á planta de aluminio que a siderúrxica ten en San Cibrao, informou o grupo.

Segundo os termos do preacordo, a compañía enerxética comprometeríase con Alcoa á subministración anual, a unha tarifa estábel previamente establecida e durante un período inicial de dez anos, de 876.000 megawatts hora (MWh) anuais, equivalentes a unha potencia en carga base de 100 MW, a cuarta parte do consumo eléctrico asociado á produción de aluminio en San Cibrao.

En concreto, o grupo de renovábeis sinala que asumiría este compromiso grazas á entrada en funcionamento dun total de 11 instalacións eólicas que está a desenvolver na actualidade na Galiza e que suman unha capacidade instalada de 573 MW.

Capital Energy, presente na Galiza desde 2009, tramita por vía autonómica uns 39 parques eólicos no país

Capital Energy, presente na Galiza desde 2009, tramita por vía autonómica uns 39 parques eólicos no país e que suman unha potencia conxunta que supera os 1.000 MW, cuxo desenvolvemento implicaría un investimento global de ao redor de 1.200 millóns de euros.

Os traballadores e traballadoras de Alcoa en San Cibrao (Cervo) falaron nas urnas para dar un si masivo á proposta da multinacional de parar dous anos a produción de aluminio primario a cambio de permisos retribuídos, un plan de investimentos de 91 millóns de euros e o compromiso de non realizar despedimentos nos próximos catro anos.

Os resultados da votación, difundidos polo comité de empresa á primeira hora da madrugada desta cuarta feira, sitúan no 69,68% os apoios ao si entre o persoal, cuxa participación alcanzou 76% dos 1.063 traballadores e traballadoras censados. Dos 808 votos emitidos, 563 votos foron a favor, 196 votos en contra (24,26%), 40 en branco (4,95%) e nove nulos (1,11%).

Comentarios