As cartas de despedimento chegan a Vestas

A multinacional danesa asegura que de momento non hai "interese" firme pola planta de Chavín (Viveiro)
Persoal de Vestas durante a folga do pasado 17 de novembro na Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Persoal de Vestas durante a folga do pasado 17 de novembro na Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Non por agardado é menos doloroso. Os traballadores e traballadoras de Vestas en Chavín (Viveiro), tal e como prevían, comezaron esta cuarta feira a recibir as cartas de despedimento.

A multinacional danesa, atendendo ao recollido no Expediente de Regulación de Emprego (ERE), indemnizará o persoal da planta da mariña con 28 días por ano traballado e un máximo de 12 mensualidades.

"É un golpe de realidade sen dúbida", lamenta o presidente do comité de empresa, David Mariño, que hai tan só uns días instaba a empresa a manter a actividade máis aló de 31 de decembro, data na que Vestas ten previsto parar definitivamente a produción.

"Máis ou menos todo o mundo está ao corrente do que serán unhas  recolocaciones que afectarán a máis de 20 persoas", engade Mariño, para quen "iso é o curto prazo e iso vai pasar se non hai cambios", tendo en conta que a Xunta mantén aberta a procura de investidores para a factoría.

De feito, o Executivo galego anunciara hai uns días que tiña varios fondos de investimento interesados en facerse coa factoría de compoñentes eólicos, mais unha das condicións era precisamente a de adquirir a fábrica mentres estivese activa. 

Pola súa banda, a compañía segue adiante co seu plan para botar o feche en Chavín o vindeiro 31 de xaneiro, aínda que admite estar disposta a escoitar ofertas durante todo o 2022. De momento, avisou de que aínda non hai "interese firme" para materializar unha operación de compravenda das instalacións.

Sen vontade de vender

Nesta liña, David Mariño recoñecía a comezos desta semana que pensa que a multinacional "non ten intención de vender". 

Con todo, están tamén pendentes da resposta á demanda de nulidade que presentaron os sindicatos contra o ERE de Vestas "en base á mala fe negociadora" que houbo por parte da multinacional "durante todo este proceso", como explicaba o presidente do comité entón.

Namentres, os traballadores e traballadoras de Vestas botan en falta algo máis de información por parte da Xunta. "É todo confidencial, se soubésemos nomes, cifras... pero é que non sabemos absolutamente nada de nada sobre esas ofertas doutras empresas" lamentaba Mariño, que tamén deixaba aberta a porta a novas mobilizacións.

Comentarios