O comité de San Cibrao reclama ao Goberno que "sexa valente" e interveña a empresa

As traballadoras denuncian que "é vergoñoso como se comporta Alcoa" e sosteñen que a empresa é viábel para "seguir funcionando". Os sindicatos comparten a petición ao Goberno para que interveña a empresa.

Traballadores e representantes sindicais á saída da reunión coa empresa (Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Traballadores e representantes sindicais á saída da reunión coa empresa (Carlos Castro / Europa Press).

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, reclamou ao Goberno español que "sexa valente" e interveña a compañía, logo de comunicar esta quinta feira que prevé o despedimento colectivo de 534 traballadoras da planta de aluminio.

Zan (CCOO) deixou claro que o Goberno "pode intervir a empresa e quedar cunha parte do accionariado", polo que lle pide que "se poña a lexislar" após "a falla de respecto por parte da empresa", pois sinalou que "é vergoñoso como se comporta Alcoa".

Así mesmo, empraza ao Goberno estatal a facer "o seu traballo" e pór en marcha un estatuto para as empresas electrointensivas "que sexa unha solución e non un problema".

"Se o Goberno de España ten que intervir a empresa uns meses ou mesmo anos que o faga", afirma este representante das traballadoras, pero a fábrica "ten que seguir funcionando", xa que a considera viábel.

Ademais, avisa de que se cae Alcoa en San Cibrao, "caerá o resto do aluminio en España". Por iso, o Goberno "debe defender ao seu país e a súa industria".

O comité de empresa urxe "un marco estábel para poder funcionar", e agora mesmo é "o Goberno quen ten métodos dabondo para poder solucionar o problema". "Se Alcoa non quere seguir que se solucione vía unha intervención", incidiu, "cunha saída para que o marco estábel estea a funcionar e se teña con quen seguir".

José Antonio Zan lembra que Alcoa foi "a primeira empresa nomeada como esencial após o decreto do estado de alarma" e que debía "seguir mantendo a súa produción". O responsábel das traballadoras dixo que non se trata só do despedimento de máis de 500 traballadoras, senón de "se o Goberno quere ter un sector primario forte ou non".

"Estamos a falar de que se queremos que as médicas e os hospitais sexan as mellores para iso fai falla diñeiro, e para ter diñeiro hai que investir en industria e no sector primario", aseverou.

Caída do 25% do PIB

Pola súa banda, a Federación de Industria de UXT mostrou a súa "total oposición" ao feche da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao nun anuncio realizado "en plena alerta sanitaria", "o que vai provocar o afundimento económico de toda a provincia de Lugo, dado que o feche da factoría supón a caída do 25% do PIB".

"Se finalmente se produce, este feche prexudica seriamente a todo o sector industrial español, xa que o noso país non disporá de ningunha capacidade produtiva de aluminio primario e, como se demostrou nesta pandemia, depender de terceiros países para ter esta subministración industrial fundamental leva a non garantir o abastecemento dos procesos produtivos en sectores chave para a nosa economía como o automóbil, a construción, a alimentación", sostén.

UXT tamén defende a intervención da actividade industrial do Grupo Alcoa, incluíndo tanto a produción de aluminio primario como a planta de alúmina, após as "continuas chantaxes" do grupo nos últimos anos.

Viábel retorno ao público

Nesta liña, a CIG aposta por unha intervención e "o retorno ao ámbito público" do sector do aluminio, tanto da fábrica de San Cibrao como da Coruña.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que acudiu á reunión desta quinta feira, lembrou que hai un informe da Universidade da Coruña (elaborado a petición do sindicato) que avala a legalidade e viabilidade da adquisición, que se podería materializar a través do SEPI.

Xunto a isto, Carril trasladou ao presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, que a CIG "non consentirá" que Alcoa aplique estes recortes na produción e o emprego, mentres instou á Xunta e ao Goberno español a "non colaborar con esta lóxica destrutora de Alcoa".

Comentarios