Ana Viéitez, escritora: "O pasado está moi presente en 'Pacto de silencio' e as personaxes móvense a partir del"
—Por que lle interesaba situar a investigación do crime co que principia a novela en mans dunha xornalista?
Sempre me chamou moito a atención, tamén como lectora, cando os investigadores están un pouco lonxe das marxes legais e do ámbito burocrático. Isto fai que teñan as mans menos atadas e que conten con máis liberdade para investigar, algo que tamén fai moi divertido o proceso da escrita. Gustoume experimentar con persoas investigadoras que están ás marxes da lei.
—Pacto de silencio fala de lealdade, pero tamén de pactos para cubrir outras persoas. Que tipo de silencio quería retratar?
Quería mostrar, desde o meu punto de vista, esas lealdades que moitas veces nacen dos pactos de silencio. Si que é certo que lle quería dar un pouco a volta aos pactos de silencio aos que estamos acostumados na sociedade. Eses pactos patriarcais entre homes que se cobren. Quixen experimentar e darlle a volta ao que pasaría se lle enfocásemos isto dun modo distinto.
—Como se conxuga no libro o seu gusto polo xénero do suspense coa súa formación en criminoloxía?
Eu sempre fun moi lectora de novela negra, de misterio e de todo o que xira sobre as investigacións. A maiores diso, hai seis anos, no contexto da pandemia, decidín entrar na UNED para estudar criminoloxía. A carreira non é en si como un libro de misterio, pero si que axuda a alimentar esa paixón relacionada coa investigación dos comportamentos sociais e das condutas criminais: como funcionan as masas, que pasa pola mente dunha persoa criminal que ten como base un trauma... Pois isto foi un pouco o que me levou a estudar a carreira e é algo que queda plasmado dalgún modo no libro. Todos os personaxes están movidos por algo que lles pasou. O pasado está moi presente na novela e eles móvense partindo del. O noso presente sempre está ligado ao noso pasado, por moito que o superemos, e as nosas accións van ligadas dalgún xeito a iso.
—É a súa primeira novela publicada. Que aprendeu no proceso de creación da mesma?
Foi un proceso bastante caótico. Cando estás a escribir unha primeira novela, nunca contas con que cha vaian publicar. Isto fai que sexas máis caótica e que o proceso teña menos planificación e orde. Eu tiña moi claro como quería que rematase a novela e, a partir de aí, fun construíndo todo cara atrás. Despois, poder publicar é unha ilusión tremenda. Estás en contacto con xente marabillosa que che ensina moito e che abre camiños nun mundo descoñecido pero absolutamente fermoso.
—Ten interese por seguir explorando este xénero como autora?
Si, completamente. É un xénero no que me sinto moi cómoda e do que sigo aprendendo. Estou moi cómoda escribindo e a verdade é que o paso moi ben facendo thriller.
—Nas súas redes sociais tamén comparte a paixón polas novelas de misterio. Hai algún libro deste xénero que recomendaría para introducirse nel?
Podería recomendar varios, por exemplo: Onde nacen as bestas, de Pedro Feijoo; Infamia, de Ledicia Costas; e Beleza vermella, de Arantza Portabales Santomé.