O Celta de Vigo prepara un mercado austero para elevar o gasto en 2027

O Celta xa está metido no mercado de fichaxes. Esta mesma semana anunciou a chegada de Aleix Febas e Marco Garcés traballa na venda de varios futbolistas para cadrar os números. A pesar de que o límite salarial está controlado, en Vigo esperan un verán de contención no gasto para elevalo o vindeiro ano. 
Ilaix Moriba celebrando un gol con Williot Swedberg en San Mamés. (Foto: AFP7  Europa Press)
Ilaix Moriba celebrando un gol con Williot Swedberg en San Mamés. (Foto: AFP7 Europa Press)

O mercado de fichaxes comezará oficialmente o próximo 1 de xullo e rematará a principios de setembro. É dicir, aínda quedan tres meses por diante nos que os rumores se multiplicarán e o Celta non é alleo a eles. Con todo, o equipo vigués leva semanas traballando no que debe facer durante o verán e tanto Marco Garcés como Claudio Giráldez xa teñen deseñada unha folla de ruta que lles gustaría seguir, aínda que as oportunidades ou as saídas inesperadas poidan alterala.

O que si fixeron en Vigo foi adiantar tempo, e esta mesma semana anunciaron a chegada de Aleix Febas para as próximas tres tempadas. O catalán é unha oportunidade de mercado ao chegar a custo cero e as negociacións iniciáronse en xaneiro, tal como adiantou Nós Diario a principios de ano. Son moitos os movementos que se esperan na Sede nos próximos meses, sobre todo no capítulo de saídas, pero hai algo claro no club celeste: o mercado de fichaxes deste ano seguirá a ser de contención no gasto .

A pesar das catro baixas que terá o Celta ao remataren contrato Aidoo, Mingueza, Ristic e Cervi, a nómina de xogadores que ten o equipo é moi elevada e achégase aos 30 efectivos co regreso dos cedidos, que polo de agora non atoparon acomodo nos clubs nos que xogaron este curso. O número é excesivo e o Celta traballa para conseguir unhas dez baixas no verán para poder firmar catro ou cinco futbolistas que eleven o nivel da plantilla. Giráldez quere reforzar a defensa, o centro do campo e o ataque, pero sabe que en Vigo seguirán tendo limitacións económicas á hora de negociar algunhas fichaxes. Como ocorreu nos tres mercados estivais precedentes, na Sede queren e traballan para que os ingresos superen os gastos, pero en principio debería ser a última vez que isto ocorra se se cumpre a folla de ruta prevista, que comeza por conseguir unha gran venda este mes de xuño.

O club ten varias opcións enriba da mesa, pero a primeira e a ideal segue a ser lograr un mínimo de 15 millóns de euros antes de que comece xullo para poder cadrar as súas contas e non dar perdas por cuarto exercicio consecutivo. É certo que non é unha obriga e que o Celta ten recursos para afrontar outro ano cun balance económico negativo, pero a realidade é que, se iso ocorrese, o ano que vén tería que redobrar os esforzos e iso impediríalle, unha vez que xa pagou moitos dos seus malos investimentos, dar un impulso ao plantel cun maior gasto en fichaxes. O nome que está na pole para saír é o de Ilaix Moriba, que actualmente ten o soldo máis alto do vestiario e, en palabras do propio club, cun contrato "complicado".

Fichaxes

Se o Celta consegue a venda do centrocampista guineano, doutro xogador importante ou de varios de menor relevancia para Giráldez, as fichaxes chegarán con algún que outro desembolso, pero na Sede queren —e precisan— repetir a fórmula dos últimos tres veráns: ingresar máis do que invistan. Marco Garcés e a dirección deportiva seguen na procura de xogadores que rematan contrato este mes de xuño e puidesen chegar a custo cero, descartes de clubs importantes —como ocorreu hai un ano con Bryan Zaragoza— ou futbolistas de certo renome que nos últimos anos non deron o nivel esperado e que poderían recuperar en Vigo a súa mellor versión, como xa fixeron Borja Iglesias ou Marcos Alonso.

O Celta segue lastrado polo elevado gasto en plantilla, que esta tempada foi 30 millóns superior ao que tiña na tempada 2022-23, hai apenas tres anos. Aquel verán de 2023 foi cando se viu obrigado a cambiar a súa política de fichaxes e, aínda que investiu uns 30 millóns en novas contratacións, ingresou algo máis de 45 en vendas, grazas sobre todo a Gabri Veiga. En 2024 ocorreu algo similar: gasto de 18 millóns e ingresos que se dispararon até os 50 ‘kilos’ entre Strand Larsen e, posteriormente, Douvikas. Iso non impediu que en 2025 seguisen na mesma liña e recibisen 30 millóns tras investir apenas a metade. En 2026 traballan en seguir ese camiño.

Ano 2027

Cando Garcés chegou ao cargo hai pouco máis de dous anos, tivo que aprender o funcionamento do límite salarial na Liga e comprobou con certa alarma a delicada situación do Celta, que se vería prexudicado no futuro inmediato por unha serie de malos investimentos. Non será até este verán cando comece a sentir máis alivio na súa economía, pero aínda queda traballo por facer. Por iso, na Sede queren ir con moita precaución na política de gastos estes meses, para rematar o traballo de recuperación financeira que levaban facendo desde 2023.

En Vigo cren que, se todo transcorre con certa normalidade, o ano que vén será no que poidan volver á senda dun gasto máis elevado en fichaxes, coincidindo ademais coa saída de xogadores como Carles Pérez, Iago Aspas ou Marcos Alonso —se finalmente renova—. Por tanto, agárdase un ano máis de contención para elevar o gasto en fichaxes de cara a 2027.

Comentarios