A intelixencia artificial ameaza na Galiza 480.000 empregos de alta cualificación
A totalidade dos estudos actuais atribúen á IA un incremento potencial do PIB a nivel mundial. Ao tempo, advirten de que estas ganancias non se distribuirán de forma homoxénea, concentrándose en empresas e territorios con maior capacidade tecnolóxica e aumentando as desigualdades salariais e territoriais.
A intelixencia artificial (IA) está a provocar un auténtico sismo no mercado laboral. Os informes publicados desde hai anos por organismos como o Fondo Monetario Internacional (FMI) ou a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) sinalaban que as actividades máis afectadas polas mudanzas tecnolóxicas serían aquelas baseadas en tarefas repetitivas, procesamento de datos e redacción de contidos, destacando entre os sectores máis vulnerábeis a atención ao cliente, os medios de comunicación, a administración, a tradución e a programación básica.
Un relatorio publicado en xullo do ano pasado por Microsoft Research, tomando como referencia as principais investigacións sobre o impacto laboral da IA, concluía que no ámbito da atención ao cliente os perfís laborais en risco correspondíanse con teleoperadores, axentes de viaxe, recepcionistas e conserxes. Ao tempo, no campo dos medios de comunicación aparecían como máis afectado o perfil das e dos profesionais da tradución, da redacción de contidos e da corrección e edición; na área de administración e finanzas, o persoal de introdución de datos e os contábeis e asesores financeiros, e na esfera da tecnoloxía e a programación, os programadores e programadoras júnior.
Os movementos das últimas semanas están a pór no foco a industria tecnolóxica. A isto contribúe de xeito decidido a decisión de Meta, grupo propietario de marcas como Facebook, WhatsApp e Instagram, de despedir 8.000 empregados e empregadas e substituílas pola intelixencia artificial. Segue a liña doutros grupos do sector que recorreron á IA para reducir o seu cadro de persoal, destacando Oracle, que se desfixo de 30.000 persoas; Amazon, que prescindiu de 28.000; Dell, que eliminou 11.000 empregos, e Microsoft, cun recorte de 8.750 operarios e operarias.
As mudanzas derivadas da IA no conglomerado tecnolóxico galego xa se deixan notar. A este respecto, os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para 2025, último exercicio con cifras, indican que no ámbito da programación, a consultoría e outras actividades informáticas creáronse o ano pasado 420 empregos, 317 menos que no exercicio de 2024 e moi lonxe da década anterior, onde a ocupación medrou desde 2014 a un ritmo de 1.000 novas altas anuais. Ao tempo, as vacantes en todo o sector STEM (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) no país caeron en 2025 á metade.
Unha parte das actividades ligadas ao sector TIC destruíron emprego en 2025. Así, as compañías de telecomunicacións perderon o ano pasado máis de 200 persoas cotizantes á Seguridade Social, o que supón unha redución do persoal ocupado de 5,8%, e as empresas dos servizos de información destruíron 191 empregos, caendo até 1.161. Nesta dirección, unha publicación recollida no último número da revista do Servizo Público Estatal de Emprego (SEPE), Cadernos do Traballo, conclúe que "as profesións de maior cualificación e remuneración, que tradicionalmente se viran menos expostas á substitución tecnolóxica aparecen agora en primeira liña".
O impacto na Galiza
Un dos traballos recollidos no monográfico de Cadernos do Traballo sobre a IA, asinado polos directivos de Analistas Financeiros Internacionais (AFI) José Manuel Amor, Camila Figueroa, Marina García e María Romero baixo o título de "Mercado de traballo e produtividade na era da intelixencia artificial", sinala que "as ocupacións con maiores salarios, máis anos de formación e maiores barreiras de entrada son as máis expostas á irrupción da IA". Nesta dirección, conclúe que "as ocupacións máis expostas concéntranse en tres grandes grupos: profesionais científicos e intelectuais —ao redor de 35% do total—, técnicos e profesionais de apoio —aproximadamente 20% e 10%, respectivamente— e empregados administrativos e contábeis —perto de 20%—".
A investigación de Amor, Figueroa, García e Romero desvela que 480.000 empregos —40% do total— correspondentes a profesionais científicos e intelectuais, técnicos e profesionais de apoio e de administración e contabilidade poderían verse afectados polo impacto da IA na Galiza. Neste caso, a súa incidencia sería inferior á da media do Estado, situada en 42,5%, e ficaría lonxe de Madrid, Catalunya e Euskadi, onde a intelixencia artificial afectaría 51,7%, 47,8% e 47,5%, respectivamente, das persoas ocupadas dentro destas categorías profesionais. Tanto e así que estima que entre 2023 e 2024 o número de ocupacións altamente expostas á IA aumentou nunhas 600.000, até alcanzar os 11,2 millóns.
As cifras ofrecidas por este traballo son moi superiores ás achegadas polo Consello Económico e Social de España en decembro de 2025. Naquela altura, aseguraba que 24,7% dos empregos na Galiza están expostos á IA, o que representaba ao redor de 260.000 postos de traballo. Un ano antes, un relatorio de Randstad Research aseguraba que a IA provocaría a eliminación por automatización de máis de 21.000 empregos na Galiza nun período de dez anos.
A IA aumenta a fenda entre o centro e a periferia
A intelixencia artificial (IA) contemporánea converteuse nunha infraestrutura estratéxica que reformula as dinámicas de poder económico, tecnolóxico e político a escala global. Neste sentido, opera no interior das diversas formacións sociais introducindo novas formas de desigualdades e actúa a nivel internacional abrindo novas fendas entre os Estados soberanos a nivel tecnolóxico e aqueles que dependen doutros para implantala. A este respecto, a China e os Estados Unidos lideran o proceso, como unha parte máis da batalla xeopolítica que libran as dúas grandes potencias.
A economista arxentina Sofía Scasserra entende que a intelixencia artificial introduce novas formas de "colonialismo e dependencia" entre os centros e as periferias do sistema. A este respecto, apunta que a dixitalización "e, máis recentemente, o despregamento da intelixencia artificial non cambiou a estrutura da división internacional do traballo", senón que, pola contra, "apoiouse nela, adaptándoa para propiciar un modelo de desenvolvemento desigual que segue os mesmos parámetros". Neste punto, conclúe que "as cadeas de produción da IA continúan alimentándose de recursos procedentes dos países periféricos".


