O Goberno pide a Alcoa que reconsidere os despedimentos en San Cibrao e lembra as axudas públicas

O Executivo estatal reclama á empresa que mostre "corresponsabilidade" co momento polo que o país está a atravesar e avanza que estará en contacto "permanente e fluído" coa multinacional e o comité a través do período de consultas.
Membros do Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao (Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Membros do Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao (Carlos Castro / Europa Press).

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo pediu a Alcoa que reconsidere o despedimento colectivo de 534 persoas na súa planta de aluminio de San Cibrao, no municipio de Cervo, anunciado esta quinta feira pola multinacional norteamericana.

O departamento que dirixe Reyes Maroto solicitoulle tamén á compañía que mostre "corresponsabilidade" co momento polo que o país está a atravesar e no que "é máis necesario que nunca" manter as capacidades produtivas e os postos de traballo.

"Nun momento tan complicado como o que vive a sociedade española, é necesario un compromiso de Alcoa coa provincia de Lugo e coas traballadoras e traballadores da planta", asegura Industria nun comunicado.

Neste sentido, o Ministerio avanzou que seguirá mantendo un contacto "permanente e fluído" coa dirección da empresa e cos representantes das traballadoras para coñecer os avances do período de consultas que se vai a iniciar.

A ministra Reyes Maroto tamén lembrou que a multinacional recibiu "moitas axudas públicas" durante toda a súa historia no país, polo que lle pediu corresponsabilidade co obxectivo de España de construír "un proxecto de país".

"Coñecemos os problemas estruturais que ten Alcoa, traballamos moi da man co comité de empresa e tamén coa dirección; o contexto actual de importante caída da demanda de aluminio primario fai que a empresa tome decisións", sinalou Maroto.

O ano pasado, a empresa xa tomou a decisión de fechar as súas plantas da Coruña e Avilés (Asturias), alegando as mesmas razóns. Finalmente, tras a colaboración do Ministerio cos Gobernos autonómicos, ambas as fábricas acabaron en mans de Parter Capital, un fondo suízo que recentemente as vendeu á súa vez a Grupo Risco.

Comentarios