Pontevedra ten moito conto: os contadores de historias volven ao Sete Falares
Pontevedra prepárase para unha nova eclosión da palabra. O Encontro Internacional de Contadores de Historias, Sete Falares, que desde o ano 2012 vén consolidando a Boa Vila como un referente da tradición oral, regresa este xuño cunha proposta que desborda as súas marxes habituais. Esta edición, marcada pola necesidade de adaptarse ao feche por obras do Teatro Principal, lonxe de amedrentarse, aposta por unha expansión que levará os relatos a cada recuncho da cidade, convertendo o espazo público nunha biblioteca viva onde o tempo vai adquirindo o ritmo das historias contadas polos narradores convidados.
A relevancia institucional desta cita foi subliñada polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, quen durante a presentación do evento destacou que "este festival permite gozar da cidade como unha verdadeira festa da palabra". O edil reivindicou a narración oral como unha manifestación artística fundamental, cualificándoa como a "primeira arte da narración, a máis antiga, capaz de conectarnos con temas e formas dun pasado moi lonxano". Gómez anticipou tamén unha entrega “especialmente rica en matices lingüísticos, grazas aos diferentes sotaques do galego, do portugués e do castelán que traerán os relatores convidados”.
Desde a organización, Xacobe Rodríguez, da compañía Pavís Pavós organizadora do encontro desde os seus inicios-, destaca que este encontro é froito dun camiñar constante desde hai máis dunha década, traendo voces de todas as latitudes.
Sobre o reto que supuxo a perda temporal do Teatro Principal debido ás obras no seu falso teito, Rodríguez amósase optimista e explica que foi un "exercicio de imaxinación" no que decidiron que o problema fose unha "oportunidade para descubrir novas localizacións e facer que a cidade cheire a contos durante toda a semana". Esta filosofía de integración busca que a cidade de Pontevedra non sexa só o contedor do festival, senón parte activa do mesmo, utilizando espazos tanto interiores como exteriores.
Unha das grandes apostas desta edición é romper co prexuízo de que os contos son só cousa de nenos. Rodríguez enfatiza este punto: "O que buscamos é pór en valor os contadores de historias para adultos. No consciente da xente sempre está que os contos son para nenos, pero os grandes narradores, como o propio Andersen, escribían e contaban orixinalmente para adultos".
Das raíces á expansión
A programación oficial botará a andar o domingo 7 de xuño no Auditorio do Pazo da Cultura ás 20.30 horas cunha peza singular: Apaga o candil, da compañía galega Contraproducións. Trátase dunha obra de teatro que, aínda que sae da estrita sesión de contos, céntrase na vida de Carlos Díaz, 'o Xestal', unha figura fundamental para entender a retranca e o compromiso social na Galiza. Xacobe Rodríguez cualifica o Xestal como un "pioneiro nos contos nos anos 60 e 70" e destaca o nivel artístico da montaxe, dirixida por un mestre da narración como é Cándido Pazó e interpretada por Toni Salgado e Avelino González, outro dos grandes contadores de historias do país.
O festival tamén pon o foco na vertente máis humana e social da narración. O día 8, a Residencia de Maiores de Campolongo recibirá Celso Fernández Sanmartín nunha sesión cargada de simbolismo. Rodríguez explica que a elección deste lugar responde a que as residencias son "a maior biblioteca que ten a cidade, onde se acumula o coñecemento máis grande de tradición oral". O acto terá un matiz especial, xa que Celso Fernández Sanmartín descubriu a súa vocación precisamente traballando durante dez anos nunha residencia de maiores en Lalín. A sesión adiantarase ás 18.30 horas para facilitar a participación dos residentes, propiciando un encontro onde, segundo Rodríguez, "van xuntarse o que el aprendeu a contar cos vellos co público que lle ensinou a contar”.
A proxección internacional do Sete Falares queda garantida coa presenza da brasileira Benita Prieto, o cubano Aldo Méndez e o portugués Valter Peres, procedente dos Azores. A presenza lusófona é un das sinais de identidade do encontro. "O galego permítenos escoitar á xente que fala en portugués e iso é unha vantaxe enorme", comenta Rodríguez, sinalando a ledicia dos narradores portugueses ao descubrir que en Pontevedra poden contar na súa lingua nai e ser comprendidos perfectamente.
Este intercambio cultural é o que converte o festival nun verdadeiro encontro, onde artistas de procedencias tan diversas como o colectivo madrileño 'Borrón y cuento nuevo' ou as galegas Ángeles Goás e Cris de Caldas conviven e xeran sinerxías durante toda a semana.
O día 13 chegará o momento do Vieiro de historias por Pontevedra, unha das actividades máis agardadas e que require a retirada previa de convites. O público percorrerá a cidade en catro quendas de 50 persoas, parando en lugares emblemáticos para escoitar a narradores como Pavís Pavós ou Aldo Méndez. Finalmente, o domingo 14, o Pazo da Cultura acollerá a clausura, reunindo a gran parte do elenco nunha despedida que promete ser un testemuño do poder da voz humana.
A narración galega mira ao futuro en Pontevedra
A celebración do Sete Falares coincide este ano cun fito de relevancia para o sector: a asemblea anual da Asociación de Narradores Orais da Galiza (NOGA). O encontro consolida a cidade como centro da narración oral no país, un xénero que encara as dificultades burocráticas para encaixar en categorías artísticas tradicionais e que goza dunha saúde excepcional na Galiza.
Xacobe Rodríguez reivindica a forza e a calidade dos contadores galegos, situándoos entre os mellores de Europa. Segundo explica, a narración ten aquí unha personalidade única, marcada pola nosa relación natural con temas como a morte. Mentres noutras culturas a figura do morto asóciase ao terror ou aos "zombis", na tradición oral galega o tratamento é de proximidade. "Aquí, cando se nos aparece un morto, preguntámoslle que se lle ofrece", apunta Rodríguez, sinalando que os "aparecidos" fan parte da nosa estrutura social. Esta habelencia para transitar entre a vida e o máis alá cunha naturalidade abraiante é o que define un xeito de contar que hoxe percorre os festivais de todo o mundo.
A presenza da NOGA en Pontevedra non é. daquela, só un trámite asociativo, senón unha homenaxe a todos aqueles que manteñen viva esta arte.

