Pablo Iglesias rexeita a vía da nacionalización para Alcoa ou Nissan, como propoñen BNG e ERC

Defendeu a necesidade de "reconstruír a industria do conxunto do Estado" mais rexeitou recorrer á vía das nacionalizacións para evitar peches.

Pablo Iglesias, na sesión de control do Goberno da cuarta feira, 15 de abril (Imaxe: Pool)
photo_camera Pablo Iglesias, nunha sesión de control do Goberno estatal (Imaxe: Pool)

A situación de Alcoa coouse esta quinta feira no debate da Comisión de reconstrución económica e social do Congreso. O vicepresidente de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias, defendeu a necesidade de "reconstruír a industria do conxunto do Estado" mais rexeitou recorrer á vía das nacionalizacións para evitar peches.

Pablo Iglesias pronunciouse así tras expor Esquerra Republicana e BNG a posibilidade de nacionalizar fábricas, ante os anunciados peches de Nissan en Cataluña e o Alcoa en San Cibrao.

Na súa réplica e aínda que declinou referirse especificamente ao caso desta planta, o vice presidente recoñeceu que "os instrumentos xurídicos están aí" e que "son perfectamente posíbeis coa constitución", mais matizou que non é partidiario dese tipo de medidas.

Iglesias rexeitou "nacionalizar perdas para privatizar despois os beneficios" e apelou a non caer "na trampa da dereita" para dicir que este tipo de medidas "son de esquerdas".

"Non son necesariamente nin de esquerdas nin de dereitas. Quen nacionalizou Bankia?", lembrou, en alusión ao rescate da antiga Caja Madrid por parte do Goberno de Mariano Raxoi, e vaticinou que "dentro de non moito" sectores contrarios á intervención pública na economía "van pedir que por favor se nacionalice".

Para o vicepresidente segundo, a crise demostrou "o fracaso do sistema de deslocalizacións".

Comentarios