Alcoa anuncia o despedimento colectivo de até 534 traballadores en San Cibrao

Abre un proceso de consultas. Xustifica a medida pola situación "insostíbel" da planta de aluminio.

Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Europa Press)
photo_camera Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Europa Press)

Alcoa falou e fíxoo a través dun comunicado: a situación “insostíbel” da planta de Aluminio de San Cibrao obríganlles, di a empresa, a iniciar un período de consultas para un despido colectivo que afectaría até 534 traballadores.

“A compañía é consciente do posíbel impacto sobre os empregados e propuxo abrir un período de consulta informal coa representación dos traballadores, que terá unha duración aproximada de tres semanas, para explicar a situación da planta, os retos aos que se enfronta e debater sobre opcións e medidas”, indica a empresa.

A xuntanza de hoxe enmarcaríase nunha consulta informal para ir avanzando de cara ao período de consulta formal, que ten uns prazos marcados e específicos. “Non se tomará ningunha decisión ata que remate o período de consultas”, afirma a empresa.

A planta de produción de aluminio primario non é competitiva. Así o manifesta Alcoa, que fala de “problemas estruturais”, como os elevados custos de enerxía e baixos prezos do aluminio, ou a sobrecapacidade global deste produto.

O complexo industrial de San Cibrao está composto por unha planta de aluminio e unha de alúmina, que empregan respectivamente a 633 e 510 persoas. “A reestruturación prevista na planta de aluminio prevé operar só unha parte da fundición. A produción da planta de alúmina de San Cibrao non se verá afectada por este período de consulta informal”.

A decisión era o que se temían desde hai tempo na Mariña. A xuntanza prodúcese tan só unhas semanas despois de que a multinacional anunciase que non ía reparar as cubas da fundición unha vez que estas chegaran á fin da súa vida útil, unha decisión que tivo un impacto inmediato na industria auxiliar da comarca

Comentarios