CIG pide a intervención publica da planta de Alcoa

O sindicato advertiu á empresa que “non vai permitir” recortes de persoal en San Cibrao.

Protesta de Alcoa en Lugo (Europa Press)
photo_camera Protesta de traballadores de Alcoa en Lugo (Europa Press)

A CIG advertiu ao presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, que non vai “consentir ningunha medida de axuste da produción ou do emprego na fábrica de San Cibrao”. Así llo expuxo o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen esta mañá participou, canda delegados e delegadas da central, na reunión convocada pola dirección de Alcoa co comité de empresa para informar do plan de despedir até 534 traballadores e traballadoras.

Carril demandou a retirada “inmediata” da proposta en tanto non se leve adiante toda a axenda que se acordou na mesa multilateral creada o pasado 23 de xaneiro para abordar a problemática do complexo de San Cibrao.

A CIG discrepa das cifras e números achegados pola empresa sobre a situación do complexo de San Cibrao e instou Alcoa a, “nun momento tan crítico como o actual”, a manter o emprego e as condicións laborais.

Incompetencia

Paulo Carril denunciou o “plan de desmantelamento progresivo da factoría de San Cibrao”, que se veu propiciado, asegura, “pola incompetencia e o incumprimento reiterado por parte do Goberno español para dar solución ao marco enerxético”.

Nesta liña, apunta ademais “a inacción da Xunta, que durante todo este tempo estivo máis preocupado por botar responsabilidades fóra que por exercer as competencias que ten en materia de industria e encabezar unha fronte común na defensa da nosa industria”.

CIG reitera á necesidade “da intervención pública e o retorno ao ámbito público do sector do aluminio  e lembrou o informe da UDC que avalaba este paso. "O que non pode ser é que un sector estratéxico para Galiza como o do aluminio e do que dependen milleiros de empregos, estea en permanente ameaza polas decisións que se toman en centros de poder moi afastados da nosa terra", conclúe.
 

Comentarios