sábado 11.07.2020

BNG pide a nacionalización de Alcoa se a empresa opta por fechar a planta

Ana Pontón cualifica de “disparate” que nun país excedente na produción de enerxía como é Galiza “estean en risco postos de traballo polo custo da enerxía”.

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón compareceu para mostrar a “preocupación” das nacionalistas ante a noticia de que Alcoa pode fechar a planta de San Cibrao e despedir 500 traballadoras.

“Non podemos permitilo”, sinalou a portavoz do BNG, que propuxo a intervención pública de Alcoa, “a súa nacionalización",, para “garantir postos de traballo e produción nun sector estratéxico”.

A nacionalista sinalou que a nacionalización de sectores estratéxicos non é algo raro en Europa, lembrando que en Italia se fixo cunha empresa de aluminio e en Alemaña “Merkel, valedora do liberalismo” tamén deu o paso cunha compañía aérea.

Criticou que durante todo este tempo Xunta e Goberno español non estivesen á altura e vaticinou que de se concretar a noticia do feche e despedimentos íase producir un “pim pam pum” entre ambos os dous partidos para se botar a culpa, “cando o que hai que facer é buscar solucións”.

Ana Pontón indicou que de fechar, Alcoa debería devolver todas as axudas públicas recibidas nestes máis de 20 anos e que ese diñeiro debería ser investidas na creación de emprego.

Tarifa eléctrica galega

A nacionalista cualificou de “disparate” que nun país excedente na produción de enerxía como é Galiza “estean en risco postos de traballo polo custo da enerxía”.

Nesta liña, volveu poñer sobre a mesa a necesidade dunha tarifa eléctrica galega.

comentarios