Andrés López, voceiro da Plataforma Galega Vivenda Xa!: "O mercado da vivenda está tensionado en 200 concellos"
Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, acollerán, esta sexta feira e o sábado, mobilizacións polo dereito á vivenda convocadas por distintos colectivos sociais. Andrés López, voceiro da Plataforma Galega Vivenda Xa! explica a 'Nós Diario' a situación da crise habitacional e as reivindicacións para garantir o dereito a teito.
—A semana pasada Vivenda Xa! participou na concentración da Alianza pola Vivenda de Vigo na que exixían unha implicacións das institucións no "colapso habitacional", e esta semana chaman a mobilizarse en Vigo, A Coruña e Santiago. Como é a crise da vivenda na actualidade?
Non é unha crise de agora. O prezo da vivenda está constantemente subindo, e parece que non ten teito. Hoxe, mesmo as persoas con profesións cualificadas e con salarios medianamente altos están sufrindo estas consecuencias. Por non falar xa das persoas vulnerábeis. Estas mobilizacións son a punta do iceberg dun traballo que se fai desde os barrios e desde as organizacións. Vimos traballando en cidades como A Coruña ou Vigo, onde a situación é máis intensa, mais tamén en vilas como Vilagarcía de Arousa. O problema da vivenda está totalmente estendido.
—Como destaca, non é tampouco un problema da mocidade, senón que vai máis alá.
É certo que hai unha compoñente xeracional, porque quen posúe unha vivenda en propiedade está máis a salvo. Mais tamén hai persoas maiores que viven de aluguer e que coa súa pensión non poden facer fronte á suba da renda. É un problema transversal pero non podemos negar que a mocidade somos as persoas máis afectadas. Vivimos de alugueres cada vez máis altos e que nos impiden aforrar para a entrada dunha vivenda, que tamén sobe. Estamos falando de perto de 40.000 e 50.000 euros que temos que ter aforrado só para a entrada dun piso.
—Que medidas deberían tomar os Gobernos para paliar a crise?
Non vale só cunha medida. Non é só construír, tamén hai que rehabilitar vivenda que estea en mal estado, incentivar que as vivendas baleiras volvan ao mercado e controlar as de uso turístico que proliferan sen control. Por suposto, que exista un parque de vivenda pública. Nos países nos que este problema non é tan intenso é porque dispoñen dun sector público de vivenda potente, como Austria ou Países Baixos.
—Tendo en conta a situación económica e política actual, é posíbel solucionar esta crise?
O pouco que se está a conseguir é grazas á presión social, pois o problema da vivenda é unha das principais preocupacións da sociedade. Comezaron a tomarse medidas nas institucións, ou polo menos a mudaren o discurso. Vemos como se compite por anunciar quen fai máis vivenda pública, pero é necesario unha coordinación entre a Administración estatal, autonómica e local. Tamén se teñen que facer efectivas esas propostas políticas, porque despois de anunciaren milleiros de vivendas públicas e millóns de orzamentos tan só se constrúen unhas ducias.
—Mentres, a declaración de zona de mercado residencial tensionado é unha medida con efectos a curto prazo, como A Coruña e proximamente Santiago de Compostela?
Todos os concellos deberían recorrer a ela. Non hai medidas máxicas, e esta tampouco o é, pero na Coruña ten efectos positivos, pese a que a Xunta da Galiza non está polo labor e non lle guste a medida. En Vigo estase tardando porque o aluguer está moi alto, mais non é o único sitio tensionado, tamén está Vilagarcía de Arousa. Alí, presentamos unha moción para que se adoptase esa medida, e foi aprobada polo Concello, e parece ser que se poderá incorporar a esta categoría. Dos 313 concellos da Galiza, 200 entrarían tranquilamente en zona de mercado residencial tensionado.
Até o 50% dos ingresos no aluguer
Segundo a última Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE), publicada no mes de maio, arredor dunha de cada catro familias en arrendamento paga máis de 30% polo aluguer. Son ao redor de 46.000 familias. Case 10.000 máis que as que estaban nesa situación hai unha década, en 2014, e son case 13.000 máis que as familias que no ano anterior á pandemia, 2019, gastaban máis de 30% dos seus ingresos en pagar o aluguer: en só cinco anos o número destes fogares aumentou en 28%.
A radiografía que fai o IGE rexistra, ademais, como deses 46.000 fogares que sobrepasan ese 30% máis de 11.000 dedican a pagar o arrendamento do seu piso ou casa máis de 50% dos seus ingresos. Ademais, 15 de cada 100 fogares viven en réxime de aluguer. Aliás, o aumento do prezo do aluguer triplicou a suba dos salarios durante a última década.

