O CARBALLO NECESITA ESPAZO EN QUE MEDRAR

Con este Sermos non me atrevo

Siceramente, non me atrevo coa capa deste Sermos 159. Ergo, non haberá comentario sobre a capa.

Falar desa figura humana cun carballo á altura das barbas é empresa superior ás miñas posibilidades. Porque, a ver, quen se atreve a dicer algo sobre un home que fala tan claro?. Mellor ler directamente o que di na entrevista que lle fai María Obelleiro.Landras sobre o chan

Non comentarei pois a capa. Mais o que hai dentro ten o seu aquel. Na páxina 4, por exemplo, fálase dun dos desertos da Galiza. Que Galiza non ten desertos? Non ho!!!. Aí tedes o de Morás. 80 millóns de euros investidos para criar unha zona loxística ... desértica.

E a páxina 5, que dicer da 5?. Quo vadis, PSdeG? Quo vadis, como o filme de Mervyn Le Roy, candidata a 8 premios Óscar e que non obtivo ningún. Tamén aí temos a Besteiro lidando cos Neróns do seu partido. E cos leóns da xustiza.

E chegamos á páxina 8. Titular, Boimorto: unha moción de censura contra a lei e a vontade popular.

O da vontade popular non o teño claro. Foi xustamente a vontade popular a que decidiu a moción de censura. Vontade do Partido Popular, iso si.

Moción de censura contra a lei? Non. Contra o alcalde e o que representa: País, lingua, cultura, Nós.

Foi xustamente a vontade “popular” a que decidiu a moción de censura. Vontade do Partido Popular, iso si.

Sigamos. E, andando, andando, chegamos a Brasil. Páxina 12 e Dilma no obxectivo.

Na páxina 21 topamos as declaracións do gañador da Volta a Portugal. Destacado: “Prefiro cinco horas enriba da bici que cinco diante da pantalla dun computador

Que distintos somos!!, penso eu

E de aí saltamos ás páxinas de cultura, ben interesantes, para chegar, 10 páxinas máis tarde á contracapa, onde A espía nos quiosques ten ... nome de home!!. Unha espía que se chama Lourenzo. Para despistar, sen dúbida.

Mais, voltando ao comezo, non me atrevo coa capa deste número. Eses ollos, esas barbas, a landra da que naceu ese carballo a indicar futuro...

Lean Sermos e fáganse asinantes que o carballo necesita espazo en que medrar. E as landras terra en que seren semeadas.

Máis en Só en papel
Comentarios