#Sermos238: Servizos municipais en mans privadas

Máis un semanario Sermos Galiza saído do prelo.  Falamos do machismo nas aulas, entrevistamos Manuel Monge e Xosé Leal, falamos do negocio do resgate bancario na UE ou adentrámonos nos 40 anos de cultura caboverdiana en Burela. Todo isto, e máis, xa nos quioscos e na nosa loxa

A meirande parte dos grandes Concellos galegos teñen cedidos os servizos de abastecemento de auga, recollida de lixo, limpeza viaria ou transporte colectivo, e hainos tamén que confían en mans privadas outros como o alumeado público ou a axuda no fogar. A externalización de servizos, a análise en ‘Concellos: máis de 300 millóns para as empresas privadas’.

#sG238‘Coeducar para previr a violencia machista’. Aínda que o discurso dominante difunde a idea de que a igualdade está practicamente conseguida, as relacións entre homes e mulleres seguen a ser asimétricas e baseadas no abuso. No ámbito escolar, nin sequera os contidos do currículo educativo contribúen a visibilizar as mulleres. Neste contexto, a coeducación preséntase como o fío co que se tecerá a desaparición progresiva das desigualdades de xénero.

A Xunta esmerouse en adulterar, rebaixar e recortar as obrigas e deberes que sobre a conservación da natureza estabelece a normativa estatal e da UE no anteproxecto da norma coa que a Xunta quere substituír a Lei de conservación da natureza de 2001. Facendo un remexido entre a lei do Patrimonio estatal e a norma de Castela e León, cun chisco da lei de Parques Nacionais, e unha redución da Directiva de Hábitats, cociña unha norma “Frankenstein” para deconstruír a protección da natureza. ‘Lei de Patrimonio Natural, o corta, apega e rebaixa da Xunta’.

É unha excepción en Europa que un Tribunal Constitucional se dote de prerrogativas sancionadoras contra aqueles que desobedecen os seus mandatos. Así o di a Comisión de Venecia, órgao consultivo do Consello de Europa. ‘Un Estado excepcional en Europa’.

“A Coruña non te que pagar nada por aquilo que sempre foi seu”

Entrevistamos Manuel Monge. Na Coruña un potente movimento cívico acaba de pór na axenda a hipótese da realización dunha consulta popular sobre o futuro da fachada marítima da cidade. O obxectivo, evitar que se privaticen terreos públicos. 65 entidades agrúpanse na Comisión Aberta en Defensa do Común. Falamos cun dos seus integrantes, un clásico do activismo social na Galiza (e referente do combate pola recuperación da memoria).

‘O feminismo aviva a loita a escala mundial’.  As políticas reaccionarias teñen provocado novos retrocesos de cara á igualdade efectiva. Ao tempo, medio cento de países sumáronse ao chamado por unha folga de mulleres, que a CIG xa anunciou que impulsará en Galiza para o ano próximo.

Os procesos electorais en Francia e Honduras tamén son debullados neste número do semanario.

Negocios suculentos

Os resgates bancarios na Unión Europea xeraron unha perda de 213.000 millóns de euros, unha inxente cifra para o negocio do oligopolio de auditorías e empresas de asesoría financeira. Importantes firmas que, embora o seu fracaso á hora de asesorar as entidades financeiras e non advertir sobre o perigo dos seus modelos de negocio, foron recompensadas con gran parte do pastel do resgate. ‘O suculento negocio de resgatar bancos na Unión Europea’. En Análise, o secretario nacional de CIg-Banca debulla o que aconteceu co sistema financeiro galego e por que é mester investigar o que pasou.

Non falta neste número a sección Fóra de serie, con achegas, propostas e ideas. No selfie-entrevista falamos con Bea Gómez, traballadora social e feminista. A xornalista e investigadora Montse Fajardo achéganos a Elvira Lodeiro González e Consuelo Acuña Iglesias, dúas mulles que foron fusiladas polo fascismo en Pontevedra.

Da man do Colectivo Xea visitamos un dos lugares máis emblemáticos do Ribeiro, ‘Pena Corneira’.

Falamos con Xosé Leal (Bueu, 1981) á fronte da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra. Concelleiro de Novas Tecnoloxías en Bueu, é licenciado en Xornalismo e técnico superior en realización de audiovisuais e espectáculos. “A xente ten que sentirese partícipe da cultura e non excluída”.

De Batuko Tabanka a Ivandro Soares. ’40 anos d cultura caboverdiana na Mariña’. Chegaron en 1977 para quedar e, con elas e eles, a súa cultura que -non sen dificultades- fomos coñecendo aos poucos. E vai máis alá de Batuko Tabanka.

Ademais, non faltan as achegas de colaboradores. Luz Darriba, Nachortas, Manuel Veiga, Tokio, Xoán Costa, Mario Regueira, Andrés Castro, Manuel Xestoso, Pepe Barrou ou Olga Brañas.

Máis en Só en papel
Comentarios