#sermos235: etiquetaxe en galego, sen noticias de normalidade

Máis un semanario saído do prelo: entrevistas Pilar García Negro e Antom Gómez Reino, lembramos a loita das Encrobas 40 anos despois, gozamos do Entroido, botamos un ollo ás pragas que afectan mar e terra, navegamos por un febreiro no que Rosalía é a raíña... Todo isto e máis, xa na nosa loxa.

Xa saíu do prelo un novo número do semanario Sermos Galiza, o 235, que xa está na nosa loxa. ‘Sen noticias da normalidade’ é o título da reportaxe de apertura. Aínda son poucos, moi poucos, os produtos do sector agroalimentario que teñen a súa etiquetaxe en galego. É certo que se están a dar algúns pasos e que mesmo algunha empresa distribuidora, vasca, ofrece desde que opera na Galiza a información nutricional nos catro idiomas oficiais do Estado, mais, con todo, ese dereito cidadán segue ser estar reflectido en normativa ningunha. Velaí unha mostra máis do abismo que hai entre a realidade actual e a normalización lingüística.

Paraugas, fouces e caxatos contra subfusís. Panos e boinas contra tricornes. As imaxes das Encrobas viraron icona da loita labrega, unha loita protagonizada por veciñas e veciñas e alentada polas Comisións Labregas, que conseguiron ser recoñecidas como interlocutoras no conflito con Fenosa. ‘As Encrobas saben a loita’.

#SG235Chá galego para o mundo

O primeiro chá que se produce no territorio do Estado é galego e ecolóxico. Sairá ao mercado esta primavera e é o resultado dunha investigación iniciada na Estación Fitopatolóxica de Areeiro, en Pontevedra. Unha innovación que contamos en ‘O chá galego chega ao mercado’.

‘Os novos desafíos do BNG’. Avanza o BNG cara á súa XVI Asemblea Nacional e faino cunha idea entre cella e cella: pór a ponto a organización para surfear a onda positiva aberta cos resultados das eleccións galegas. O nacionalismo galego volta a ter boas sensacións.

“De Vistalegre soubemos saír unidos”

Entrevistamos Antom Gómez Reino. Dos dirixentes de Podemos Galiza é o que parece ter máis claro que o proxecto estratéxico da formación morada pasa no noso país por En Marea. De feito, nesta entrevista acaba por falarmáis en calidade de portavoz de En Marea no Congreso do que na súa condición de dirixente de Podemos, un hábil recurso para contornar perguntas incómodas. A impresión que tiro falando con el é que Antom Gómez-Reino prefire planificar o meio e o longo prazo antes que desbaldir enerxías nas escaramuzas do día a día.

A administración Trump condiciona o seu apoio á OTAN á que os Estados membros eleven o seu orzamento militar até o 2% do seu PIB. A alianza atlántica insiste na súa tensión con Rusia. ‘Os EUA impoñen unha nova carreira armamentística global’.

Haxa ou non segunda volta nos comicios presidenciais, a dereita ecuatoriana tentará por todos os medios desestabilizar o país para reverter unha década de goberno progresista. ‘Incerteza e tensión en aumento en Ecuador’.

‘As pragas collen a Xunta co pé cambiado’. A couza guatemalteca é, por agora, a última praga a sumar á lista de patóxenos que nestes anos entraron na Galiza, afectando produtos e recursos de terra e de mar. Está o goberno a reaccionar de forma adecuada? Na análise, achegámonos aos desafías que nos propón unha sociedade cada vez máis avellentada.

E non falta á súa cita o Fóra de Serie, con achegas, propostas, ideas... No selfie entrevista temos a Carlos Balseiro, meteorólogo; e Felipe Senén tráenos unha antoloxía do entroido galego. O Colectivo Xea lévanos a un roteiro por terras de Fornelos, da ponte Anceu á pontella do Couñago.

A Rosalía inasumíbel

Entrevistamos María do Pilar García Negro. Profesora da UDC, autora de numerosas obras ensaísticas e de investigación e colaboradora de Sermos Galiza, vén de ser recoñecida pola AELG co premio “Escritora na súa Terra”, que recibirá en Lugo no mes de xuño. Conversamos con ela sobre literatura galega e feminismo, sociolingüística oudidáctica. “Para os poderes hoxe dominantes, en coñecéndoa ben, Rosalía é inasumíbel”.

Aeroporto co seu nome, avión noruegués coa súa faciana… As previas deste Día de Rosalía que marca o seu 180 aniversario foron tan potentes que xa se fala de febreiro como Mes de Rosalía, o que indica que a data está máis que consolidada no calendario cultural galego. Falamos disto en ‘Rosalía, a Raíña de Febreiro’.

Mais isto non é todo. Pepe Carreiro cóntanos da súa escolla de peza preferida no Museo do Pobo Galego. Tokio e Nachortas tráennos os seus cadriños. Marilar Aleixandre fálanos da peor masacre da Guerra Civil, Xoán Costa deita a ollada sobre o 24 de febrero como Día de Rosalía e Guillerme Vázquez advírtenos destes ‘tempos de gatopardismo’.Xulio Carballo debulla a ‘História da Língua em Banda Desenhada’, que vén de ser reeditada. A crítica literaria de Mario Regueira é sobre ‘Fred Quincalla’, de Teresa González. E a crítica de cinema, de Andrés Castro, detense en ‘Inferno’, de Ron Howard. Mónica Pazos fálanos de bailar no entroido e Iolanda Gomis advírtenos como o aparentemente gratuito non é tal. 

Máis en Só en papel
Comentarios