#sermos237: 10 de Marzo, unha data vixente 45 anos despois

Máis un número do semanario saído do prelo. Lembramos o por que do Dia da clase obreira galega, achegámonos á realidade do suicidio na Galiza, entrevistamos Quico Cadaval e Rocío de Frutos, percorremos o galego polas diferentes zonas xeográficas, falamos de como o feminismo aviva a loita a escala mundial... Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

Como un cordón umbilical, o 10 de marzo deste 2017 conecta con aquel 10 de marzo de 1972 que forxou o Día da Clase Obreira Galega. Case medio século no que a clase traballadora se reclama como un suxeito protagonista na historia deste país. Desde a represión franquista e a falla de liberdades daquela aos recortes de dereitos laborais e sociais de arestora. Falamos desta data chave para o país, que vai facer 45 anos, en ‘10M: unha clase para a Nación’.

SG237En ‘Suicidios, a morte invisíbel’ partimos de como Galiza, sen plan de saúde mental nin plan para evitar os suicidios, atópase á cabeza en taxas de mortes autoprovocadas. Entre 2010 e 2015, un total 1.938 persoas quitáronse a vida na Galiza. En 2015, a pesar do descenso a repeito de 2014, as mortes por suicidios duplicaron as derivadas de accidentes de tráfico. Malia estas cifras, as mortes autoprovocadas seguen a ser un tabú e un fenómeno estigmatizado

Se nos relacionamos con diferentes persoas de toda Galiza, observaremos que cada unha ten unha forma distinta de dicir o mesmo. E é que o noso idioma contén moitas variantes ao longo do territorio xeográfico. É a riqueza da fala que a fai tan diferente e característic e que nos agasalla moitas maneiras de usala e de comunicala. O galego normativo fálase, mais as variantes engaden o toque distintivo.’ Gheada, seseo, cheísmo… e ti como falas?’.

Portas abertas

Fuxir da rotina. Innovar. Abrir ciclos. Marcar un antes e un despois. Esas son as ideas que moven todo o proceso asemblear do BNG. Esta semana coñeceusec o lema co que a formación frontista vai realizar os días 25 e 26 de marzo na Coruña a súa XVI Asemblea Nacional “En Bloque cara a un tempo novo”. Unha palabra de orde que simboliza o compromiso entre a memoria e o futuro. Debullamos a cita nacionalista en ‘Unha asemblea de portas abertas’.

Entrevistamos Rocío de Frutos, deputada socialista. Defínese como técnica, mais nesta entrevista revélase como unha política con nervo, incisiva e comprometida cunha liña moi clara, afastada en aparencia dos tacticismos. Rocío De Frutos (Valladolid, 1967), deputada do PSdeG-PSOE no Congreso, enarbora con naturalidade, maistamén con paixón,a bandeira de Pedro Sánchez na operación de reconquista deFerraz, contra o aparato agora en mans de Susana Díaz. E na Galiza fai un aposta desacomplexada: Pilar Cancela. “Sánchez ten algo do que os demais carecen: coherencia”.

‘O feminismo aviva a loita a escala mundial’. O movemento feminista pasa á ofensiva para frear a nova vaga de retrocesos en materia de igualdade. As políticas reaccionarias teñen provocado novos retrocesos de cara á igualdade efectiva. Ao tempo, medio cento de países sumáronse ao chamado por unha folga de mulleres.

Internacional

O procés soberanista avanza sob dupla vía. Desde o Pacto Nacional polo Referendo póñense a proba os límites da institucionalidade e a democracia no Estado, pedindo unha consulta pactada, mentres prosegue o despregamento de estruturas de Estado propias e a desconexión con España.’O consenso catalán sobre a democracia’.

‘Trump, das palabras ao orzamento’. A elaboración dos orzamentos dos EUA motivou duras críticas cara a Donald Trump por recortar de maneira moi significativa o financiamento da diplomacia e a cooperación exterior, a garda costeira, a seguranza no transporte ou a xestión de emerxencias.

A cesta da compra subiu desde comezos de século entre o 30 e o 50% de media; porén, os ingresos pola venda de marisco nas lonxas sufriu unha baixada, como confirman os dados da plataforma Pescadegalicia, da Consellaría do Mar. ‘O prezo do marisco, máis baixo que hai quince anos’. En Análise analizamos o sistema público de pensións e as ameazas sobre o mesmo.

E n on falta a sección Fóra de Serie, con achegas, propostas e ideas. No selfie-entrevista conversamos con Antia Balseiro, estudante condenada por un escrache a un profesor homófobo do USC. Achegámonos a unha xoia de etnografía galega, a Casa do Patrón, en Lalín, con máis de 4.500 pezas. Da man do colectivo Xea imos até Belesar, para descubrir os secretos que agocha a auga.

Entrevistamos Quico Cadaval. “O CDG é unha apariencia, porque non ten autonomía artística”. Quico Cadaval elixe un cadro de Manuel Ayaso, a quen ten acompañado “na cuadrilla de mariñeiros tomando os chiquitos”. É un colaxe combinado con tinta de prata ao que lle ten moito aprecio. Ten outro ben prezado: un paraugas. É o paraugas da fotografía principal que ilustra a entrevista. “Teño moita obsesión cos paraugas… Co noso clima, hai que saber cal é o noso cetro, o noso emblema”, di. Este regaloullo a familia de Miguel, un home co que intercambiou paraugas unha noite nun local compostelán, “estivémonos buscando para intercambiárnolos de novo e pasados os anos regaloume outro paraugas da mesma casa”. Admite “aferrarse” a el e négase a deixalo nos paraugueiros dos estabelecementos públicos.

A semana pasada remataba a primeira e única temporada de O final do Camiño, a maior produción audiovisual sobre a historia de Galiza. Chegou até dous millóns de espectadores en España e máis de 150.000 en Galiza, que viron na súa escena final [atención, spoiler] como Xelmírez coroaba un rei galego na catedral. ‘A Historia de Galiza como fición’.

E, como non, as sinaturas de Pilar García Negro, Xoán Costa e Xavier Queipo. A crítica literaria de Mario Regueira e de cinema de Andrés Castro. As achegas de Iago Varela e Alexandre P. Vigo ou como María Canosa debulla a súa propia obra.

Máis en Só en papel
Comentarios