#sermos233 Emerxencias sanitarias: corrupción e recortes

Máis un número do semanario saído do prelo. Entrevistas, reportaxes, críticas, opinións, noticias... todo isto e máis, xa na nosa loxa.

O sector de emerxencias sanitarias pasa por un grave deterioro na Galiza ante os recortes, a precariedade e os constantes incumprimentos das empresas adxudicatarias. A xustiza investiga un dos últimos concursos públicos da Xunta por posíbel trato de favor e amaños para beneficiar unha empresa próxima ao PP. Uns indicios de irregularidades nas condicións que che contamos en ‘Descontrol no servizo de ambulancias’.

SG233Aproxímase o 14 de febreiro, para o mercado, o San Valentín ou o Día dos Namorados, e a estas alturas xa padecemos o bombardeo constante a golpe de corazóns e de amor romántico, aquel construído arredor do androcentrismo, que perpetúa a desigualdade e que segue a someter a muller á submisión a través da dependencia emocional. ‘Amor romántico? Non, grazas’.

‘Febreiro en loita contra a LOMCE’. Erguer convoca greve estudantil o 16 deste mes, o Sindicato e Estudiants dels Països Catalans farao o 9 e Ikasle Abertzalea o 23. A responsábel nacional de Organización de Erguer–Estudantes da Galiza, Iria Figueroa, explica nesta peza as razóns da greve.

A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIGEnsino fecháronse na Secretaría Xeral de Política Lingüística co obxectivo de reunirse co secretario xeral, Valentín García, e conseguir o compromiso de seren recibidos polo conselleiro de Educación. ‘Sen límites para a lingua’.

Política

‘Podemos, o combate final’. A lóxica de todo ou nada imponse na formación morada, con Iglesias como favorito. “Nada está feito. Pablo é favorito, mais a súa vitoria non é segura. Calquera cousa pode acontecer”. Estas frases, na boca de destacados dirixentes de Podemos Galiza, resumen o aliñamento das pezas no taboleiro podemita nas vésperas do combate de Vistalegre (10, 11 e 12 de febreiro).

A refundación do BNG vai resultar na reactualización dos seus principios fundacionais e na súa transformación nun “movimento socio-político”, isto é, nunha organización que porá o traballo social por diante, rumo á consecución dunha Galiza soberana. ‘O BNG como movimento socio-político’.

Porto Rico e Gaza

‘Porto Rico, en quebra, debátese entre anexión ou independencia’. A descolonización de Porto Rico fica inda pendente. O actual status de “Estado Libre Asociado”, mais non integrado, nos EUA está esgotado. A nación caribeña debátese entre dous cenarios antagónicos: anexionarse como o 51º Estado dos EUA ou optar pola plena independencia. Unha decisión que terá que substanciarse no marco dunha quebra económica de facto.

O bloqueo de Israel contra a Faixa de Gaza provoca que o pobo palestino non teña garantido o acceso á auga potábel nin á luz eléctrica. Nestas condicións, a ONU xa alertou de que a rexión será inhabitábel dentro de tres anos. ‘Gaza sen auga nin luz, só bombas de Israel’.

Ao verán máis seco desde hai décadas seguiulle a seca invernal máis longa desde 2001, culminada agora con varios días de temporal. Unha desorde climática con pegada no sector primario. O que nestes meses foi excepcional pode acabar converténdose en rutineiro. ‘Afacernos a un novo tempo’. En Análise, un traballo de Ramón Varela . As emisións industriais son elevadas na Galiza tendo en conta o número e tamaño da nosa industria, o número de habitantes, a nosa extensión xeográfica, o noso produto interior bruto e nivel de vida.

E un Fóra de Serie, como sempre completiño. Consellos, achegas, recomendacións... Na selfie entrevista falamos documental que recolle os 200 anos de historia do ensino na Baña, achegámonos até o castro de Santa Tegra, co colectivo Xea imos até os últimos miradoiros do Canón do Sil.

As Irmandades

Entrevistamos Carme Fernández Pérez-Sanjulián, profesora da Universidade da Coruña que vén de presentar, como coordinadora,o volume As Irmandades da Fala, cen anos despois, impulsado polo grupo ILLA (Investigación Lingüística e Literaria Galega). “Todo aquel proxecto cultural e activista e todo o tecido brillantísimo que vemos que existiu entre os anos vinte e trinta, de se manter, tería producido, por exemplo, institucións de noso”.

O proxecto Ruraldecolonizado investiga se os saberes e coñecementos do medio rural foron subalternizados. ‘O xiro decolonial: a hexemonía do urbano sobre o rural’.

Ademais, as achegas de Pilar García Negro, Xavier Queipo, Xoán Costa, Tokio, Nacho Hortas e Fon, Iago Varela, Raul Dans, Marcos Maceira e Olaia Ledo. Non faltan as críticas literaria (Mario Regueira) e de cinema (Andrés Castro). 

Máis en Só en papel
Comentarios