PEPE BARRO é O DESEñADOR DO NOVO SERMOS

"A lectura do Sermos vai ser máis gratificante"

Considerado un dos mellores deseñadores do país, Pepe Barro (Pontedeume, 1955) leva ás súas costas máis de corenta anos de actividade profesional. Nesta entrevista cóntanos como concibiu o novo deseño do Sermos Galiza.

deseño_PepeBarro

Como xurdiu o novo deseño?

Xorde da necesidade de darlle un novo pulo ao semanario. Creo que a empresa editora ten claro que o produto é moi mellorábel na parte física, papel, impresión… e daquela xorde a necesidade de darlle forma. Empresa e corpo de redacción entenden que unha publicación no soporte papel ten unha linguaxe de seu, posúe características nas que a organización da información, é dicir a tipografía, as imaxes e o xeito de dispoñer todos os elementos, actúan como unha linguaxe superposta á escrita, unha linguaxe que non debe ser improvisada. Velaí o discurso que cómpre pensar, conformar, pautar, iso é o deseño.

En que se inspirou?

A inspiración, cando veña, que me colla traballando. É unha de tantas frases paveras, enxeñosas, que se lle atribúen a Picasso.  O que hai, desde logo, é un proceso de documentación e de reflexión continua sobre a evolución dos xornais nos últimos anos e por suposto unha bagaxe que un leva de ter traballado en proxectos editoriais como A Nosa Terra (1977), o Diario de Galicia (1987), Tempos (1996 e 2006) e aínda outros especializados ou efémeros. Sempre me gustou o deseño editorial e o formato tabloide, mesmo para proxectos non necesariamente periódicos, como o Termas romanas, unha publicación para o Balneario de Lugo na que actuei tamén como director e redactor, un só número que xa vai na segunda edición. Nos últimos anos sigo con gusto o traballo de Mark Porter para o The Guardian de Londres ou para o Público de Lisboa, tamén coñezo o traballo de Toni Cases, o desaparecido Público de Madrid, ou o “i” de Lisboa, deseñado por Javier Errea. Os xornais portugueses teñen sempre un recendo a frescura que dá xenio velos.

"O novo Sermos vai dar un chimpo na calidade do papel, máis gramaxe, máis branco e por suposto mellor impreso e con todas as corenta páxinas a cores"

O novo semanario ten un maior impacto visual

O papel permite enxergar dúas páxinas contiguas dun golpe de vista, a unidade nunha publicación coma esta é a dupla páxina. A fotografía de bo tamaño, a tipografía escollida… o papel ten o aquel de físico que debe ser máis coidado… Pero sobre todo, o novo Sermos vai dar un chimpo na calidade do papel, máis gramaxe, máis branco e por suposto mellor impreso e con todas as corenta páxinas a cores. É outro produto.

Cal é o obxectivo desta mudanza?

A intención que me traslada o presidente do Consello de Administración é que pretende que o semanario teña de partida máis valor, pensando en termos físicos, formais e por suposto na comunicación gráfica e escrita e isto leva a unha nova imprenta e a repensar a estrutura da información. Creo que o público vai ter todo máis claro, máis preciso… a navegación máis fluída e a lectura máis gratificante. O obxectivo, claro está, é aumentar lectores, pero tamén achegar ao proxecto máis personalidade e maior visibilidade.

PORTADAFaise máis arrevistado…

Temos un formato tabloide, coma o dos xornais diarios, pero nin o tempo nin o tema é o mesmo. Polo tanto, a forma debe ser outra , ben afastada xa dos modelos históricos… Por outra banda, os magazines son tamén outro xénero diferente ao noso, máis páxinas, máis pequenas, máis tempo… Os semanarios tabloides deben ter unha forma de seu, debemos medir os espazos sen caer no texto ateigado dos diarios, aquí podemos manexar os brancos, o fondo do papel tamén “debuxa”. Todo debe ser activado, pero dentro dun sistema que non atúe a produción, non podemos reinventar o mundo cada semana, todo debe fluír, pero o lector debe recoñecernos.

A tipografía ten tamén moito peso no novo Sermos

Si, é un dos piares do deseño, e por suposto do deseño editorial. Desde o principio tiven claro que era un elemento a mellorar no Sermos. Quixen contar cun tipo deseñado por un galego, o MáisGrotesk de Marcos Dopico, o noso doutor en tipografía, profesor da Universidade de Vigo, que precisamente estudou na súa tese a evolución dos tipos de letra chamados de pau, sen remates, que son os tipos da contemporaneidade, como o elixido para o noso proxecto. Marcos deseñou este tipo con cinco pesos, cinco grosores, cadanseu coa súa cursiva, o que nos fornece unha paleta coa que traballar practicamente todo o repertorio de necesidades. A atención aos detalles máis minúsculos fornece á letra dunha calidez que non se atopa noutros paus secos. O tipo Georgia do histórico Matthew Carter, unha romana ben cumprida desenvolve todo o segundo corpo da publicación e achega variedade.

A cor é outra das características...

Si, pero ollo, non vai ser un rebumbio, o texto vai en negro e vermello, as cores primeiras, as primeiras tamén da imprenta. A negra é a que leva o peso e fai a continuidade, a vermella matiza organiza e salienta a información. A azul tamén traballa pero só puntualmente e en lugares simbólicos como na cabeceira, que aparece en negro rodeada do azul, algo máis forte que o anterior, para salientar a palabra Galiza.

"A formulación dunha publicación ten algo de composición musical, de partitura, o ritmo é importante"

Chama a atención a última parte do xornal, na que xorde un segundo corpo…

Variedade, especialización, desfacer a monotonía… a formulación dunha publicación ten algo de composición musical, de partitura, o ritmo é importante. A verdade é que despois de certo debate viuse axeitado crear no final, en oito páxinas, un corpo titulado Fóra de serie, que recolle a información cultural, espectáculos, pero tamén temas de lecer e mesmo iniciativas senlleiras no campo do emprendemento económico ou social, son páxinas con outro ar, o deseño cambia e faise máis efervescente.

Máis en Só en papel
Comentarios