Sandra Vilela e José Luís Regueiro substituirán Pedro Pui e Francisco Conde no Parlamento galego

Rueda responderá sobre o inicio do curso escolar e os intereses da Galiza nun pleno ao que volve a Lei da AP-9

Sandra Vilela e José Luís Regueiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sandra Vilela e José Luís Regueiro. (Foto: Nós Diario)

A deputada e o deputado que substitúen o ex portavoz parlamentario do PP, Pedro Pui, e o ex conselleiro de Economía, Francisco Conde, tomarán posesión das súas actas no plenodo Parlamento galego que arrinca esta terza feira, o primeiro do período de sesións.

En concreto, trátase da que foi candidata á Alcaldía de Muxía (comarca de Fisterra), Sandra Vilela, así como do que foi portavoz dos populares na Fonsagrada, José Luís Regueiro Fernández.

Ademais, no que será o primeiro pleno após o verán, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, responderá na sesión de control ás preguntas de BNG e PSdeG sobre o inicio do curso escolar e a defensa dos intereses da Galiza, respectivamente.

A sesión, que terá lugar os días 12 e 13 de setembro, incluirá a comparecencia a petición propia do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, para informar das liñas xerais de actuación do seu departamento. Será a súa primeira comparecencia no hemiciclo desde que foi nomeado após a polémica saída da súa predecesora, Rosa Quintana, agora deputada por Ourense no Congreso español.

Lei para o traspaso da AP-9

Tras a toma de posesión dos novos deputados, o Hemiciclo acollerá o debate da Lei galega para o traspaso da AP-9, despois de que o anterior texto aprobado na Cámara galega por unanimidade caducara mentres se atopaba en período de tramitación nas Cortes debido á convocatoria de eleccións.

Tanto o Grupo Parlamentario Popular como o Bloque Nacionalista Galego presentarán cadansúa proposición de Lei sobre este asunto para alcanzar unha postura da Cámara galega para trasladar ao Congreso español, unha vez constituídas as Cortes após os comicios do 23 de xullo.

Na cita, tanto BNG como PSdeG levarán iniciativas para pedir á Xunta que aclare a "filtracións" das inspeccións en residencias de maiores, así como pola intención de "privatizar" o servizo de interrupción voluntaria do embarazo.

Así mesmo, o Bloque defenderá unha proposición non do lei para reclamar un paquete de medidas entre as que se inclúe un cheque escolar e a gratuidade dos libros de texto. Ademais, a formación nacionalista reclamará o apoio da Xunta ao uso das linguas cooficiais no Congreso español.

Pola súa banda, o PSdeG tamén levará unha proposición non de lei para esixir á Xunta que rectifique a "redución de profesorado" e convoque a Mesa Sectorial de Educación. Ademais, presentarán unha moción para reclamar ao Executivo galego que informe do persoal do que dispón por áreas sanitarias e por categorías profesionais, unha cifra que, segundo o voceiro do grupo socialista, Luís Álvarez, "o goberno galego quere esconder nos orzamentos para o próximo ano".

Por último, presentarán unha proposición non de lei para pedir ao Goberno galego que actualice a Lei do deporte da Galiza e permita declarar nulas as ‘cláusulas antiembarazo’ que afectan as deportistas femininas.

Defensa da Constitución española e independencia do poder xudicial

Pola súa banda, o Grupo Parlamentario Popular incorporou á orde do día do próximo pleno unha proposición non de lei para que a Cámara galega exprese o seu "firme compromiso na defensa da Constitución de 1978 e dos valores democráticos que ven reflectidos no seu artigo primeiro"; e na "defensa do poder xudicial, que non pode ser usado como elemento de negociación mediante cesións esixidas por partidos independentistas para garantir a continuidade dun Goberno".

En segundo lugar, o Grupo Popular solicitará que a Xunta potencie a investigación no ámbito da medicina xenómica, co estabelecemento de acordos con outras entidades que “permitan xerar un valor engadido en materia de detección precoz aos traballos realizados pola Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica”.

No referido ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas políticas impulsadas en materia de prevención e loita contra a violencia de xénero; sobre as vías articuladas pola Xunta para ampliar o parque de vivenda pública protexida; así como pola "exclusión da Galiza, e do conxunto do itinerario noroeste do Corredor Atlántico, do órgano xestor encargado de coordinar o transporte ferroviario europeo de mercadorías".

Comentarios