Ensino

BNG e PSdeG chaman a "aproveitar a oportunidade" do descenso de matriculacións para baixar as ratios

As forzas da oposición lamentan que a Xunta, ante o descenso de alumnado, avogue por "eliminar unidades e profesorado".
Alumnado dun centro de ensino de Ames. (Foto: Arxina)
photo_camera Alumnado dun centro de ensino de Ames. (Foto: Arxina)

O BNG e o PSdeG coincidiron esta terza feira ao considerar que a Xunta da Galiza debería "aproveitar" o descenso de matriculacións nos centros escolares para reducir o número de alumnos e alumnas por aula no canto de "eliminar unidades e profesorado", mentres que o Partido Popular defendeu que Galiza está entre as comunidades autónomas con "mellor" ratio.

Na rolda de prensa que ofreceron os voceiros parlamentarios tras a reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento, o viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, considerou que cando se reduce a matrícula nos centros educativos pola caída da natalidade "é o momento de aproveitar esa redución" para reducir o horario dos docentes e reducir as ratios por aula co profesorado excedente. "Coincidimos coa proposta da asemblea de directores, que tamén leva tempo facendo a CIG", sostivo o parlamentario nacionalista, que censurou que, fronte a iso, "a folla de ruta do Partido Popular sexa incrementar o financiamento da educación concertada".

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, advertiu de que no curso que a cifra de unidades fechadas e de profesorado reducido será "superior" á publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) correspondente ao reaxuste do catálogo dos centros. "Estamos a coñecer aínda a día de hoxe axustes en máis centros que van supor a redución de máis unidades e máis profesores", sostivo.

Neste sentido, tamén considerou que a Xunta debería aproveitar para reducir a ratio de estudantes por aula co profesorado excedente e lamentou que, en lugar de optar por esta medida, o Goberno galego "leve 14 anos aproveitando a redución da poboación para facer axustes". Ademais, preguntouse como é posible de que "aínda habendo esa redución de unidades e profesorado" na educación pública "non haxa nin de lonxe" unha "redución parella no ensino concertado". "Dá que pensar", concluíu.

Resposta do PP

Fronte a estas críticas, o portavoz parlamentario do Partido Popular na Cámara galega, Alberto Pazos, argumentou que Galiza "leva anos" entre as comunidades con mellor ratio de alumnos por aula. E asegurou que, fronte aos "criterios para o fechamento de aulas do Goberno bipartito", que "castigaba ou premiaba en función da simpatía co Goberno municipal de quenda", o Goberno do PPdeG "estabeleceu criterios obxectivos para o mantemento ou peche de unidades".

Ademais, defendeu que o que debe preocupar "non é a perda de aulas", senón a "perda de alumnado". "O problema demográfico causa esta situación e levamos tempo pedindo o compromiso para afrontar este problema coa mala sorte de que parece que o Goberno galego está só na loita contra ese problema que debería ser esencial para todas as administracións", apuntou.

Comentarios