Feixoo coloca na candidatura do PP por Madrid o seu "núcleo" da Xunta

Mar Sánchez, Marta Varela e De la Matta van na lista.
Mar Sánchez e Alberto Núñez Feixoo, nos corredores do Parlamento galego. (Foto: Europa Press)
photo_camera Mar Sánchez e Alberto Núñez Feixoo, nos corredores do Parlamento galego. (Foto: Europa Press)

Alberto Núñez Feixoo non deu o salto a Madrid en solitario. Cando, a finais de abril do ano pasado, abandonou a Presidencia da Xunta para tomar os mandos do PP español  preocupouse moito de que nesa nova andaina o acompañase a súa cohorte na Xunta, o núcleo duro que o rodeou nos anos de Goberno na Galiza. Entre eles, nomes como o daquela secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra, e a directora de Gabinete do presidente da Xunta, Marta Varela. Agora, e preparando o asalto á Moncloa nas eleccións estatais do 23-X, Núñez Feixoo coloca ese núcleo duro de confianza nas listas por Madrid, candidatura que el mesmo lidera.

No posto número 5 da candidatura do PP pola capital do Estado vai concorrer Marta Varela, actual directora de Gabinete en Xénova [sede do PP español]. O seu marido, Luís de la Matta, figura no posto número 27 da lista por Madrid. Matta deixou o seu posto no Consello de Administración da CRTVG para acompañar Núñez Feixoo a Madrid como o seu xefe de prensa. Ambos os dous, pois, son históricos colaboradores do ex presidente da Xunta. Tamén en labores de prensa do Feixoo presidente da Xunta e despois mandatario do PP español está Marcos Gómez, que figura no posto número 28 da lista do Partido Popular pola provincia de Madrid.

Mais se hai unha persoa de confianza que estivo á beira de Feixoo ao longo de toda a súa traxectoria política —desde que este asumiu a presidencia de Correos no ano 2000—esta é Mar Sánchez Sierra, actual xefa de Proxección e Imaxe do PP e que vai de número 10 na candidatura por Madrid.

"Galegofobia"

Alberto Núñez Feixoo elixiu a ex conselleira de Cultura da Comunidade de Madrid no Goberno de Isabel Díaz Ayuso, Marta Rivera de la Cruz (ex dirixente de Ciudadanos) e de orixe lucense, como número dous na candidatura do PP ao Congreso dos Deputados, tamén por Madrid. Rivera ten creado polémica no pasado a ser apoiante da asociación galegófoba Galicia Bilingüe. Asinou a favor da derrogación do Decreto 124/2007 que formulaba Galicia Bilingüe e polo que se regulaba o uso e a promoción do galego no sistema educativo. “Cremos que o coñecemento do idioma cooficial [o galego] ten que ser un mérito, pero que non pode ser un requisito”, aseguraba naquela altura Rivera.

Senado

As listas do PP ao Senado por Galiza inclúen como candidatos os alcaldes e as alcaldesas en funcións de Lalín —Xosé Crespo—, Mos —Nidia Arévalo—, Guntín —María José Gómez Rodríguez—, Pereiro de Aguiar —Luís Menor— e Ribeira —Manuel Ruiz Rivas—. En canto ao Congreso, a incorporación do vicesecretario de Organización do PP estatal, Miguel Tellado, á cabeza da lista pola Coruña, despraza un posto Marta González e Tristana Moraleja. Da candidatura de Lugo cae Joaquín García Díez, provincia na cal a entrada como número un do até o de agora vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, despraza á segunda praza a Jaime de Olano.

Outro tanto lle ocorre ao deputado ourensán Celso Delgado, que se ve desprazado da segunda á terceira praza na lista por Ourense, na que como número un repite Ana Blanco e entra como número dúas a actual conselleira do Mar da Xunta, Rosa Quintana.

Ana Pastor volve encabezar a lista de Pontevedra, na que en segundo posto figura a concelleira de Vigo e ex secretaria de Estado de Economía, Irene Garrido, e de 3 Pedro Pui, portavoz do PP na Cámara galega.

Comentarios