Ensino

BNG e PSdeG piden medidas extraordinarias ante o inicio do curso escolar "máis caro da historia"

Ana Pontón sinalou nunha rolda de prensa esta segunda feira que "o que ven" desde o BNG é un PP "insensíbel, sen capacidade de empatía e que segue instalado na propaganda".
Rapazada ás aforas dunha escola. (Foto: Arxina)
photo_camera Rapazada ás aforas dunha escola. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou á Xunta a tomar "medidas extraordinarias" ante o inicio do curso escolar "máis caro da historia".

Así o fixo, esta segunda feira, en rolda de prensa tras reunirse con representantes das asociacións de pais e nais (Anpas) para avaliar o impacto que vai ter o inicio de curso na comunidade escolar.

Pontón lamentou que, mentres moitas familias fan esforzos para poder afrontar os gastos, a Xunta "está instalada na propaganda" e na "realidade virtual".

Así, definiu este inicio de curso como "a tormenta perfecta" cunha subida dos prezos e a inflación que poñen "a moitas familias nunha situación límite". Neste contexto, sinalou que "o que ven" é un PP "insensíbel, sen capacidade de empatía e que segue instalado na propaganda".

En datos, Pontón indicou que para a maioría das familias este comezo significa un gasto extraordinario duns 450 euros e para unha familia de dous fillos un extra de entre 700 e 1.000 euros.

A continuación, incidiu en que se necesitaría un goberno na Xunta "que se puxese a traballar" para que este inicio fose "máis levadío para as familias" pero o Executivo galego, remarcou Pontón, "vive instalado na propaganda e nunha realidade paralela".

Tarxeta de 500 euros

Por iso, propuxo a recuperación da gratuidade dos libros de texto e a activación dunha tarxeta escolar con axudas de entre 250 euros e 500 euros para as familias con rendas inferiores a 12.000 euros per cápita.

Tamén defendeu o incremento dos recursos para a conciliación, con axudas para facer fronte ao custo dos comedores escolares, o Plan Madruga e as actividades extraescolares.

"Reverter a privatización"

Con todo, puntualizou que o compromiso da formación nacionalista é tamén "reverter todo o proceso de recortes e privatizacións realizados polo PP nos últimos anos".

Para os nacionalistas isto tivo como consecuencia "unha deterioración" do sistema público de educación "unido á estratexia do PP" de "aumentar o diñeiro" para o ensino privado.

Ante isto, lembrou que en 2021, último exercicio liquidado, o Goberno do PP "investiu 700 millóns de euros menos que en 2009" e que o financiamento dos centros concertados "creceu 29% desde 2012".

Finalmente, subliñou que ás familias "non lles preocupa só o inicio do curso" senón o que "se van atopar dentro", por iso incidiu en que é o momento de "apostar por un ensino público de calidade".

Para iso, remarcou a necesidade de dotar ao sistema educativo de máis de 1.000 profesores, recuperar o horario lectivo e a redución das cocientes no sistema educativo obrigatorio.

Postura do PSdeG

Pola súa parte, noutra rolda de prensa, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, aproveitou o inicio do curso escolar para reclamar ao presidente da Xunta que recupere o modelo de gratuidade de libros de texto implantado polo bipartito.

O dirixente socialista censurou que a gratuidade dos libros de texto fose revogada despois da chegada do PP e de Feixoo á Xunta para cambiala por un modelo máis caro e que apenas dá cobertura a "un ambiguo 60%".

Así mesmo, dixo que o PSdeG "defendeu, defende e defenderá" este modelo de gratuidade universal "equitativo e máis solvente economicamente, por moito que a Xunta se empeñe en dicir que non". Ademais, reclamou a convocatoria da mesa sectorial de Educación e abrir un diálogo sobre o funcionamento dos centros educativos cada curso.

Defensa do PP

En contraposición, o portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos, sostivo que na Galiza o inicio do curso escolar será "menos problemático" que noutros territorios grazas ao apoio que a “Xunta vai prestar para a adquisición de libros de texto e material escolar”.

"A Xunta mostrou ao longo destes anos o seu compromiso coas familias e con que a volta ás aulas non sexa un problema económico para ninguén, para iso leva dous anos reforzando as axudas e apoiando a quen máis o necesita", afirmou.

Comentarios