A Consellaría de Mar admite que pasarán "anos" até recuperar a produción marisqueira nas rías galegas

A oposición critica a política da Consellaría.
eunión de la
Comisión octava del Parlamento, de Pesca y Marisqueo, para abordar la
situación del sector pesquero en Galicia, la falta de pulpo y el apoyo
al colectivo del marisqueo. Antonio Basanta
photo_camera José Manuel Balseiro, Ana Belén García e Antonio Basanta (Foto: Arxina)

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, situou en 2020 un dos mínimos da produción marisqueira das rías da Galiza e asumiu que, nesta evolución "cíclica", adoitan facer falta "seis-sete anos" para lograr a recuperación.

Así o sinalou, na comisión de pesca do Parlamento, ante a pregunta da deputada do BNG Rosana Pérez, quen lamentou o "auténtico desastre" nas rías. "Mentres todo isto pasa, as rías teñen problemas, o estado das rías necesita atención e recursos... a Xunta continúa sen tomar decisións que atallen eses problemas", criticou a nacionalista.

A directora xeral defendeu que o Goberno galego "ten un plan". Afirmou que se observa unha "evolución cíclica" con picos máximos de produción en anos como 1999 e 2008 e valores mínimos desa serie en 2001, 2014 e 2020. "Como vemos, a recuperación deses mínimos tarda como seis ou sete anos", dixo.

Nos anos 2020-22, foron extraídas máis de 7.000 toneladas de moluscos bivalvos, por baixo da media anual do período. A parlamentaria nacionalista, ante a asunción desta redución da produción, avisou de que "se cadra están a pór medidas en marcha que non son as adecuadas".

Na mesma comisión, Julio Torrado (PSdeG) alertou tamén dese "déficit" da produción marisqueira e lamentou que o Executivo galego "tente negalo". Denunciou que "aínda non se pagaron" as axudas derivadas do paro do libre marisqueo decretado en xaneiro, e esixiu á Xunta "traballar máis que o xastre de Tarzán", fronte a esta "demora inxustificada".

National Geographic

A comisión acordou por unanimidade reprobar "calquera valoración que, afastada da realidade, supoña pór en cuestión o bo facer" do sector pesqueiro vigués e galego, como é o caso do documental elaborado por National Geographic baixo o título Peixe de Contrabando". 

Tamén apoiou por unanimidade esta comisión instar a Xunta a que traballe co Goberno estatal para lograr que as institucións comunitarias recoñezan a figura das confrarías de pescadores e así poidan optar a fondos estruturais da Unión Europea. Outra petición aprobada por este organismo esta terza feira é que a Xunta faga o "estudos necesarios" para determinar as causas da "escaseza de polbo en augas galegas".

Comentarios