Parlamento

A transferencia da AP-9, a debate no primeiro pleno do curso político

BNG e PP presentarán na Cámara galega senllas proposicións de lei para instar novamente o Goberno español a traspasar a competencia desta autoestrada.
A autoestrada AP-9 ao seu paso por Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A autoestrada AP-9 ao seu paso por Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O primeiro pleno do curso político na Galiza, convocado para os días 12 e 13 de setembro no Parlamento, centrarase no debate da Lei galega para o traspaso da autoestrada AP-9, logo de que o anterior texto aprobado na Cámara galega por unanimidade fose dado por caducado mentres se atopaba en período de tramitación nas Cortes estatais debido á convocatoria de eleccións.

Tanto o grupo parlamentario popular como o do BNG presentarán senllas proposicións de lei en relación con este asunto para alcanzar un posicionamento común no Parlamento e trasladalo ao Congreso, unha vez constituídas as Cortes após os comicios do pasado 23 de xullo.

Preguntas ao presidente

A sesión plenaria incluirá a comparecencia a petición propia do conselleiro do Mar, Alfonso Villares. Ademais, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, preguntará ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre o inicio do curso escolar, mentres a líder do Bloque, Ana Pontón, centrará a súa pregunta na axenda galega e a defensa dos intereses da Galiza.

Comentarios