O BNG propón unha tarxeta escolar de até 500 euros para facer fronte ao gasto escolar

Ana Pontón avaliou con Anpas o inicio do curso.
bng

Activar de forma urxente unha tarxeta escolar con axudas de entre 250 euros e 500 euros para as familias con rendas inferiores a 12.000 euros per cápita— é dicir, por cada membro da unidade familiar— para facer fronte aos gastos do inicio do curso escolar "máis caro da historia". Esta foi unha das propostas que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expuxo onte durante a xuntanza que mantivo no Parlamento con representantes de Anpas.  

Pontón lembrou que só en libros e material educativo as familias teñen que gastar este ano unha media de 450 euros por cada fillo ou filla escolarizada, un gasto que, en función do nivel educativo, pode chegar aos mil euros para un fogar con dous nenos ou nenas. “Diante desta situación necesitamos un goberno que se poña do lado da xente en vez de darlle ás costas á xente”, afirmou.

É por iso, dixo, que o BNG contempla a recuperación da gratuidade dos libros de texto como unha das medias que porá en marcha nos primeiros cen días dun Goberno nacionalista, comprometeu a líder formación, quen lamentou a negativa á posta en marcha desta medida xa para este curso académico por parte dun PP “insensíbel”.

Pontón defendeu aliás un incremento dos recursos para a conciliación, con máis axudas para sufragar os comedores escolares, o Plan Madruga e as actividades complementarias e extraescolares.

A portavoz nacional subliñou que en 2021, último exercicio liquidado, a Xunta investiu 700 millóns de euros menos que en 2009, e que o financiamento dos centros concertados medrou 29 % desde 2012.  

Máis docentes e redución das ratios

Fronte "aos recortes e ao proceso de privatización" do ensino, Pontón defendeu ante os representantes das Anpas a contratación de mil profesores máis, a recuperación do horario lectivo e a redución das ratios no sistema educativo obrigatorio para mellorar a calidade no sistema público.

Comentarios