Rubén Arroxo, tenente de alcalde de Lugo, denuncia ameazas de morte

"Non soportan ver o avance que está a pegar Lugo neste período, e a ira lévaos a esta frustración", replica Arroxo.
Á esquerda, o edil Rubén Arroxo (BNG); á dereita, as pintadas obxecto da denuncia (Fotos: Nós Diario - Europa Press).
photo_camera Á esquerda, o edil Rubén Arroxo (BNG); á dereita, as pintadas obxecto da denuncia (Fotos: Nós Diario - Europa Press).

O tenente de alcalde de Lugo e portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, denunciou na tarde desta terza feira, a través do seu perfil en Facebook, ter recibido ameazas de morte nas últimas datas.

Así, fai alusión a dúas pintadas —adxuntadas na publicación— nas que se pode ler "BNG ladrones fascistas" e "Cono bueno el cono muerto".

"'Cono' é a palabra que usan para denominarme a min nas redes sociais coñecidos perfís da ultradereita xunto con algún concelleiro e membros do PP", explica Arroxo.

O concelleiro afirma que as forzas da oposición utilizan ese termo "para tratar despectivamente iso que din de que 'está todo Lugo en obras', como se fose algo malo", malia que para el, claro está, non o é. "Claro que non é malo, mais non soportan ver o avance que está a pegar Lugo neste período, e a ira lévaos a esta frustración", afirma.

As pintadas están, asegura, están situadas "en zonas polas que saben" que Arroxo pasa "con frecuencia".

Mais non se trata do primeiro ataque que recibe Rubén Arroxo: "Súmase a ataques semellantes, se cadra sen chegar até este punto, nas redes con perfís falsos", engade.

"O doado sería pedir que se condenen estas accións, mais prefiro pensar aquilo de 'van ter que roelo', porque por moito que lles doa e fruste a estes individuos, e os obrigue a lanzar bile nas redes ou nas paredes, Lugo vai seguir avanzando", conclúe o tenente de alcalde lugués.

Comentarios