Vándalos estragan en Lugo a exposición de Vía Galega 'Un pobo, unha selección'

"Estes actos inxustificábeis amosan o que traen os discursos de odio, que non toleran o diferente e responden con violencia a calquera actividade ou opinión distinta á súa", sinalou o responsábel de Deportes da Deputación de Lugo, Efrén Castro, ao que se uniu Vía Galega, entidade organizadora da exposición.
Aspecto dos paneis da mostra após o acto vandálico (Foto: Diario de Lemos).
photo_camera Aspecto dos paneis da mostra após o acto vandálico (Foto: Diario de Lemos).

A exposición 'Galiza, un pobo, unha selección',  instalada na praza de San Marcos de Lugo, amenceu esta cuarta feira con varios paneis rachados. Máis da metade das lonas de mostra, que se inaugurou na segunda feira, apareceron con diferentes cortes.

O responsábel de Deportes da Deputación, Efrén Castro, condenou uns "actos inxustificábeis" que, apuntou, "amosan o que traen os discursos de odio, que non toleran o diferente e responden con violencia a calquera actividade ou opinión distinta á súa".

Castro indicou que desde a vicepresidencia da Deputación púxose a situación "en mans dos servizos xurídicos [do Goberno provincial] para que tramiten a denuncia ante as autoridades e se busque as persoas autoras".

Vía Galega, entidade que organiza a mostra, coincidiu con Castro ao denunciar que os danos “son produto de posicións alimentadas pola ultradereita e por responsábeis políticos que se manifestaron publicamente en contra das actividades promovidas por esta plataforma”, na que están integradas máis de 60 asociacións sociais, culturais e deportivas de todo o país.

A entidade informa de que a estes danos hai que sumar “a desaparición dunha faixa para difundir esta mostra no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela”, así como as “mensaxes fascistas sobre os cartaces de Vía Galega en diversas vilas e cidades nos últimos meses”.

Neste sentido, cualifica o acontecido como “consecuencia de actitudes en contra da liberdade de expresión e de dereitos democráticos fundamentais”, como a reclamación de oficialidade para as seleccións galegas.

Por iso consideran que o ataque non é casual ao estar dirixido a unha “campaña que está a recadar numerosos apoios e interese por parte do público que visita as exposicións”, dirixidas a fortalecer a conciencia nacional da Galiza e o deporte do país, “ademais de incidir na galeguización do deporte e de impulsar a igualdade de xénero”, resolven.

A exposición, que conta coa colaboración da vicepresidencia da Deputación de Lugo, repasa a historia do deporte galego, afondando na participación de deportistas do país en competicións internacionais e na traxectoria das seleccións galegas.

Os paneis cortados reporanse nos vindeiros días. A mostra ficará en San Marcos até o 14 de febreiro, e iniciará logo unha itinerancia por Sarria, Monforte, Chantada, Vilalba, Viveiro, Foz, Ribadeo, Barreiros e Valadouro.

Cómpre salientar que o pasado decembro, no marco desta campaña, Vía Galega fixo público o himno deportivo "Un pobo, unha selección", no que participan 28 artistas de todo o país.

Aliás, o colectivo elaborou un documental no que trece persoeiros destacados do deporte galego como Fernando VázquezAlba Cuba ou Gustavo César Veloso reivindicaron o dereito da Galiza a competir en torneos internacionais.

Comentarios