As rebaixas fiscais nos orzamentos da Xunta e o veto ao arrastre centrarán o segundo pleno do curso

Rueda avanzará as "liñas mestras" das contas para 2023 nun pleno que dará luz verde definitiva á lei de áreas empresariais

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, no Parlamento. (Foto: David Cabezón)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, no Parlamento. (Foto: David Cabezón)

O modelo fiscal galego e o veto que planea a Unión Europea á pesca de arrastre no Atlántico centrarán a atención do segundo pleno do curso político no Parlamento galego, que terá como prato forte a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O mandatorio autonómico exporá ante o hemiciclo durante a mañá do martes as "liñas mestras" dos orzamentos para 2023, que incluirán a ampliación da bonificación do imposto de patrimonio até o 50%, unha medida que levantou as críticas da oposición, que acusan a Rueda de gobernar ao ditado da estratexia do seu partido en Madrid cunha rebaixa fiscal que chega nun momento de crise.

"Estamos a estudar outras medidas -en materia fiscal-, pero adianto que non subiremos impostos", avanzou o pasado venres Rueda no acto no que anunciou a rebaixa do imposto de patrimonio, unha das poucas cartas levantadas sobre a mesa polo Goberno galego de cara a uns orzamentos que teñen un teito de gasto de 12.599 millóns (un 8,2% máis que en 2022) e que estarán, segundo Rueda, centrados "en protexer a actividade empresarial e ás persoas".

O formato elixido por Rueda para avanzar as principais liñas das contas foi criticado pola líder do BNG, Ana Pontón, que considera que o presidente "truca" o debate parlamentario ao seu favor ao acudir á Cámara para unha comparecencia que tradicionalmente viña realizando o conselleiro de Facenda.

O presidente volverá verse as caras cos portavoces da oposición un día máis tarde durante unha sesión de control que abrirá a xornada do mércores na que Pontón e Luís Álvarez (PSdeG) porán o acento na xestión dos recursos públicos por parte de San Caetano.

Os socialistas reiterarán ante Rueda a denuncia lanzada esta semana contra o Executivo autonómico, ao que acusan de "desviar" 159 millóns de euros procedentes de fondos para loitar contra a covid "a fins descoñecidos", un asunto que o PSdeG pide investigar nunha comisión parlamentaria.

 

Veto ao arrastre

Outro dos asuntos que centrará o foco dunha sesión cunha extensa orde do día serán os plans de Unión Europea para vetar a pesca de arrastre en 87 caladoiros, unha medida que afecta de forma directa a uns 200 barcos galegos e até a un milleiro de maneira indirecta.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comparecerá na Cámara para analizar esta cuestión que, sobre o papel, concita o consenso de todos os grupos políticos con presenza no Pazo do Hórreo.

De feito, o BNG pretende promover unha declaración institucional para manifestar o rexeitamento á intención de Bruxelas, unha postura que, en todo caso, sairá adiante porque o grupo maioritario, o PPdeG, defenderá unha proposición non de lei nese mesmo sentido.

 

Dúas leis

Antes da quenda de Rueda e da responsábel de Pesca, a Cámara autonómica vivirá o debate de dous textos lexislativos. O primeiro está promovido pola Xunta e expón unha modificación normativa para facilitar a provisión de postos de "difícil cobertura" no Servizo Galego de Saúde a través do método do concurso.

Esta proposta lexislativa suscitou as críticas da oposicón pola forma na que chega na Cámara, xa que o fai por unha vía de urxencia que, para nacionalistas e socialistas, non está xustificada e "furta" a posibilidade de mellorar o texto durante a súa tramitación.

A que chega ao final dese camiño parlamentario após completar a súa tramitación é a lei de áreas empresariais da Galiza, que será aprobada definitivamente coa votación do próximo martes.

Sanidade, incendios, costas e C tangana

A situación da sanidade e, en concreto, a atención primaria volverá ter protagonismo con dúas mocións da oposición, que tamén demandará explicacións sobre os 500 pases VIP retirados pola Xunta para o concerto de C Tangana en Vigo (a proposta do BNG) ou o sistema de axudas autonómica á adquisición de material escolar polas familias no inicio de curso (iniciativa do PSdeG).

Os socialistas centran na xestión dos incendios forestais dous dos seus puntos incluídos na orde do día do pleno, onde o Bloque promoverá unha iniciativa de impulso para que a Xunta mellore os apoios económicos aos sectores agrarios afectados o incremento dos custos de produción derivados da crise pola guerra en Ucraína.

Finalmente, ademais da proposición non de lei sobre o veto á pesca de arrastre da UE, os populares valeranse da súa maioría absoluta para aprobar unha iniciativa que pide desenvolver as competencias do persoal de enfermaría e tamén preguntarán ao goberno pola súa postura sobre os cambios no regulamento de Costas que planea o Executivo central.

 

Comentarios