O veto de Bruxelas afectaría a actividade de un de cada catro barcos da frota galega

O sector pide unha "contestación social, política e xurídica" ante a UE
Frota de Celeiro, no concello de Viveiro. (Foto: Europa Press)
photo_camera Frota de Celeiro, no concello de Viveiro. (Foto: Europa Press)

A decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico —16.419 km cadrados en zonas do Gran Sol, Cantábrico-noroeste e Golfo de Cádiz— para "salvagardar ecosistemas" caeu como unha bomba no sector pesqueiro galego e no de Estados afectados como España, Irlanda, Portugal ou mesmo Francia. Desde a Galiza, non son poucas as voces que advirten do impacto que vai ter esta decisión. Torcuato Teixeira, asesor xurídico da Federación nacional de confrarías, explica a Nós Diario que o segmento máis afectado directamente pola medida vai ser o da pesca do Gran Sol, "cuns 70 buques que terían que amarrar", mais as consecuencias poderían afectar centos de embarcacións máis.

Algo que tamén apunta Basilio Otero, presidente das confrarías, cando lembra que os barcos "que non poidan faenar nesas zonas que se van vetar terán que facelo noutras onde xa hai outras embarcacións traballando", polo que haberá un 'efecto en cadea'.

Os datos da Consellaría de Mar sobre o impacto desta decisión de Bruxelas cifran en case mil as embarcacións galegas que dun ou outro modo van ver ameazada a actividade, o que supón case unha de cada catro (o censo da frota galega é de 4.237 barcos). 

Afecta barcos de palangre de fondo e arrastre de NEAFC (Gran Sol), e as de arrastre, palangre de fondo, volante e rasco, e artes menores do Cantábrico Noroeste; buques que capturan gamba, lagostino, pescada, ollomol, ou sabre negro. Son por volta de 21.000 toneladas de capturas e un volume de negocio de 120 millóns de euros os que estarían en xogo.

2.100 mariñeiros afectados

Por volta de 2.100 mariñeiros galegos estarían prexudicados por esta decisión da Comisión, adoptada, como inciden desde a Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi), sen pasar polo proceso obrigatorio de consultas nin facer unha análise do seu impacto socioeconómico. "Non ficaremos de brazos cruzados", di Javier Touza, presidente da Cooperativa. Pola súa parte, Teixeira avanza unha contestación "social, política e xurídica" contra a decisión da UE, "unha máis que prexudica a frota e pesca galega". 

"É bo para Galiza estar na política pesqueira común?"

O asesor xurídico das confrarías do Estado mesmo pregunta "se é bo" para a frota galega e española "estar na política pesqueira común", á vista da "restra de medidas draconianas e prexudiciais" tomadas nese ámbito.

En sectores como o cerco a preocupación tamén era onte patente, como recoñece a Nós Diario Alberto Castro, secretario da Asociación de armadores do cerco da Galiza: "Vemos como cada vez hai menos áreas para pescar, como cada vez se nos pon máis difícil". 

O Goberno español anunciou onte que pedirá á UE quer "revise" esta decisión, ante a que expresou o seu "malestar". Desde a Xunta, pola súa parte, sinalaron que van convocar o sector pesqueiro para analizar "vías xudiciais" ante a medida. O PP europeo exixiu xa a "paralización" desta decisión e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, di que dará a "batalla" nesta Cámara para reverter a medida.

En dúas décadas Galiza perdeu 48% dos buques de altura

A frota galega perdeu 25% dos seus barcos desde 2004. Un descenso constante que deixa pegada en todos os segmentos, desde a frota artesanal que faena no interior das rías até os grandes barcos que traballan en caladoiros internacionais. En 2004 o censo da frota galega era de 5.565 embarcacións fronte ás 4.237 que ten na actualidade, perdeu unha de cada catro.

No que atinxe á pesca de altura— a que se desenvolve en augas comunitarias e que sería a máis afectada pola decisión de Bruxelas— a Galiza ten agora 76 barcos cando no 2004 tiña 144: perdéronse 48% dos barcos.

A frota artesanal, a máis numerosa, componse agora de 3.767 embarcacións fronte ás case 4.900 que tiña en 2004. En grande altura, a pescaría en augas internacionais, pasouse de 121 buques a 103.

Comentarios