O PSdeG critica a rebaixa do imposto de patrimonio, que sinalan é "para os amigos"

O voceiro de sanidade no Parlamento destaca que o que necesita agora mesmo a Galiza son "políticas decididas en defensa dos sectores produtivos e dos servizos públicos" nos que se están vendo "constantes carencias", non só no ámbito sanitario, senón tamén na educación.
O socialista Julio Torrado, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Julio Torrado.

O vicevoceiro parlamentario do PSdeG, Julio Torrado, criticou a bonificación ao 50% do imposto de patrimonio anunciada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que entende como "unha rebaixa aos máis ricos, aos amigos", posto que beneficia ao 0,02% da poboación.

Ademais, lamentou que o titular da Administración galega é "un soldado do PP" e non "o líder que necesita a Galiza" por facer "seguidismo" de Feixoo e de Ayuso en Madrid.

"Non fai máis que aplicar as políticas que lle marcan desde o seu partido", criticou, discutindo ademais a "idoneidade" dunha rebaixa aos que teñen un patrimonio superior a un millón de euros "nun momento de dificultades económicas a nivel global, que tamén afecta á Galiza".

 

O tamén voceiro de sanidade no Parlamento destaca que o que necesita agora mesmo a Galiza son "políticas decididas en defensa dos sectores produtivos e dos servizos públicos" nos que se están vendo "constantes carencias", non só no ámbito sanitario, senón tamén na educación "cun inicio de curso con menor número de docentes e con problemas denunciados cada semana no transporte escolar".

A este respecto, Torrado presentou hai uns días varias propostas para mellorar o servizo sanitario que poderían levar a cabo con "ese diñeiro que o ente público galego vai deixar de recibir".

Entre elas destacan o aumento do persoal sanitario e a mellora das súas condicións laborais do persoal sanitario, empregar as camas que deixaron pechadas no verán nos hospitais para aliviar as listas de espera de cirurxía ou tamén unha proposta "flexible" de pór un límite obrigado de dous días en atención primaria.

Afeou ademais que Rueda poña por diante "os intereses electorais do PP" aos da Galiza, exemplificándoo coa "inacción" do presidente ante o problema do veto europeo á pesca de arrastre, "sobre o que aínda non fixo nada".

Así, emprazou ao titular da Xunta a solucionar os problemas dos servizos públicos con "unha política fiscal propia para a Galiza, baseada nos principios de xustiza e progresividade" e non nun "ronsel marcado desde Madrid". "Rueda actualmente non está a ser un líder para a Galiza, senón un cheerleader de Feixoo e das outras baronías do seu partido", censurou.

Demandan compromiso real coa educación pública

Por outra banda, o Grupo Socialista da Deputación de Lugo demandou ao PP un "compromiso real" coa educación pública e coas familias lucenses e "garanta" a gratuidade dos libros de texto para todas as etapas do ensino obrigatorio.

Por iso, o PSdeG defenderá no próximo Pleno da Deputación, o vindeiro martes, unha moción na que propoñen ao Goberno galego "acabar coa política de recortes do persoal, sobre todo no rural".

Solicitan ademais que se explique en sede parlamentar a utilización por parte do PP dos fondos extra de 92 millóns do Estado para reforzar a educación pola Covid.

Desde o PSdeG advirten ademais que o Goberno do PP recortou na Galiza nos últimos dous anos 1.500 profesores e suprimiu 96 prazas docentes en Infantil e Primaria neste curso.

Comentarios