A oposición critica o anuncio de Rueda de aumentar a bonificación ao Imposto de Patrimonio: "É unha burla"

BNG e PSdeG saen ao paso da medida avanzada polo Goberno galego de cara a 2023.
Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSdeG).
photo_camera Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSdeG).

O Goberno galego incrementará nos orzamentos de 2023 a bonificación do Imposto sobre o Patrimonio a 50%, segundo avanzou esta sexta feira o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O anuncio non agradou as forzas da oposición no Parlamento, contrarias a esta medida.

"É unha burla que Rueda decida baixarlle os impostos ás 7.000 millonarios mentres as familias, a clase traballadora, as persoas autónomas non chegan a fin de mes, pero ven como o presidente da Xunta traballa para unha minoría, quitando recursos á maioría social, porque este pelotozo fiscal do PP significa menos recursos para sanidade, para educación, para dependencia ou para loitar contra o cambio climático, en definitiva supón quitarlle recursos á maioría xusto na maior crise de prezos en corenta anos", lamentou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

"É un agasallo aos máis ricos", lamenta Pontón

Esta reforma fiscal suporía, a ollos da líder nacionalista, "agasallar 37 millóns de euros aos máis ricos" mentres o mesmo goberno "acaba de suprimir a tarxeta básica de axuda á compra de alimentos e medicinas ás familias con máis dificultades".

O anuncio de Rueda chega nun momento, subliñou Pontón, no que "temos unha atención primaria colapsada, hai recortes en sanidade e educación, ou temos un sistema de residencias de maiores totalmente privatizado, falta de medios para atender a dependencia e moitas pequenas e medianas empresas están afogadas sen recibir axudas".

"Isto mostra unha escasa sensibilidade co pobo galego", sinala Formoso

Na mesma liña pronuniciouse o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que cualificou a proposta de "decepción" e acusou Rueda de mostrar "escasa sensibilidade co pobo galego".

A rebaixa, que "só afectará 0,02% dos máis ricos", dixo Formoso, "prexudica claramente a cada galego e galega", polo que urxiu unha política fiscal "xusta", "que permita manter os servizos públicos e a Galiza e non só beneficiar os máis ricos, que son os que menos problemas teñen que sufrir en plena crise económica".

"En calquera caso non deixa de sorprendernos que o presidente adopte unha política fiscal que prexudica á sociedade galega e beneficia a unha minoría, que son os que menos problemas teñen, que son os que teñen máis de 1 millón de euros nas súas contas", engadiu.

Comentarios