Pontón esixe a Rueda a retirada da baixada do imposto de patrimonio, "un pelotazo fiscal aos millonarios"

A líder da oposición asegura que a decisión, que só beneficia "ao 0,02%" de galegos, adoptouse "na rúa Xénova"

Ana Pontón, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Arxina)
photo_camera Ana Pontón, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que rectifique o seu anuncio de elevar até o 50 por cento a bonificación do imposto de patrimonio por ser "un pelotazo fiscal aos millonarios" fronte a unha "maioría social que o está pasando mal".

En declaracións aos medios antes de acudir este sábado á Romaría de Santa Minia, en Brión (A Coruña), a líder nacionalista lamentou que Rueda adopte esta decisión "que non se tomou na Galiza", senón "na rúa Xénova", na sede estatal do PP.

"O presidente da Xunta simplemente é un delegado do que lle mandan en Madrid", insistiu Pontón, tras unha semana na que o mandatario andaluz, Juanma Moreno, anunciou a bonificación da totalidade do imposto de patrimonio.

Así, tras sumarse Rueda a esta rebaixa -pero cunha "senda propia" da Galiza, segundo alegou-, a líder da oposición galega reprochoulle que "prescinda" para os orzamentos de 2023 "de máis de 30 millóns de euros" das arcas autonómicas "que serían importantes para que houbese máis bolsas de estudo, máis axudas a pemes, para dinamizar o comercio e rescatar a sanidade pública".

"É unha medida lesiva, antisocial e que simplemente beneficia para que sigamos vendo como as rendas máis altas gañan cada vez máis e máis nun momento no que se necesita o contrario: distribuír a riqueza", insistiu. 

 

"O goberno do 0,02%"

Neste contexto, a poucos días da comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento galego para debullar os detalles dos orzamentos autonómicos de 2023, a portavoz nacional do BNG pediulle a retirada desta medida que "só" beneficia "ao 0,02 por cento do país". "Demostra que o PP é o goberno do 0,02 por cento mentres que o BNG representa a alternativa para o 99,98 por cento do país", engadiu.

Pontón tamén se queixou de que, a tres días desa comparecencia, a oposición aínda "non coñece" cal é o anteproxecto de orzamentos da Xunta, polo que demandou esa documentación. Unha opacidade que lle fai preguntarse á líder do Bloque "que máis oculta" neses orzamentos. "En todo caso, imos pedir que se retire esa medida antisocial que Rueda aplica seguindo o que lle mandan desde Madrid e que demostra até que punto carece de goberno para a Galiza e aplica o que outros deciden sen ter en conta as necesidades do País, nun acto de submisión aos intereses do PP de Madrid", afondou.

En calquera caso, a portavoz nacional do Bloque avanzou que votarán "en contra" desa rebaixa fiscal por ser "antisocial" e por decidirse "en Madrid".

Comentarios