28-M

Un "puñado de votos" decantará a Alcaldía de Lugo a favor de Arroxo, Candia ou Méndez

Todo é posíbel na cidade de Lugo. Como sinalou Alfonso Rueda no mitin da quinta feira dos populares na cidade, o resultado decidirase por un “puñado de votos”. Arroxo, Candia e Méndez pelexan por conseguir eses sufraxios necesarios para alzarse coa Alcaldía.

De esquerda a dereita, Lara Méndez (PSdeG), Rubén Arroxo (BNG) e Elena Candia (PP).
photo_camera De esquerda a dereita, Lara Méndez (PSdeG), Rubén Arroxo (BNG) e Elena Candia (PP).

A campaña electoral está sentándolle mal a Elena Candia. Malia que a política de Mondoñedo será a candidata máis votada nos comicios de 28 de maio, as tendencias marcadas polas sondaxes que foron publicadas dese o comezo de campaña non lle outorgan a maioría absoluta. Pola contra, viuse observando unha tendencia ao estancamento na súa intención de voto, apuntando os seus rivais a unha caída nos apoios a medida que avanzaba o proceso electoral. Sexa como for, os responsábeis populares non dan nada por perdido e consideran que hai marxe de mellora nestas últimas horas de campaña.

Candia nunca agochou que o seu grande obxectivo político era presidir a Deputación de Lugo. Mesmamente, os sectores do PP críticos co seu liderado deixaron caer que a súa candidatura ao concello respondía realmente a facerse co poder na corporación provincial, en mans dun Goberno de coalición do PSdeG e do BNG desde 2007. Porén, as proxeccións electorais apuntaron que o ascenso dos populares na cidade non será suficiente para conseguir unha acta máis no partido xudicial de Lugo, onde estes cifraban as súas posibilidades de cambio.

Preocupación no PSdeG

Lara Méndez leva pelexando nestas dúas semanas contra a súa tendencia á baixa fixada polas enquisas publicadas. Porén, as fontes socialistas luguesas consultadas por Nós Diario amósanse convencidas de conseguir un resultado mellor do proxectado polas sondaxes e destacan o elevado nivel de coñecemento e alta valoración social da súa candidata á Alcaldía. Aseguran ademais que contan cun chan moi firme na cidade para seguir catro anos máis á fronte do Goberno.

A dirección socialista galega non agocha a súa preocupación pola situación política en Lugo. De feito, xa nos primeiros días de campaña avanzaron unha atención especial á cidade co obxectivo de mobilizar a súa base electoral e tentar cortar a sangría de sufraxios cara a outras formacións. Neste contexto, explícase a presenza do ex presidente do Goberno español José Luis Rodríguez Zapatero e de varios membros do Executivo actual.

Arroxo, á alza

O BNG atópase moi próximo ao PSdeG. Poren, os nacionalistas marcaron unha clara tendencia á alza desde o inicio da campaña e agardan converterse na segunda forza da cidade para levar a Alcaldía ao seu candidato, Rubén Arroxo. A favor deste xoga o traballo desenvolto desde o Goberno durante os últimos catro anos, onde promoveu diversas iniciativas de humanización, mellora e transformación do espazo urbano, moi ben consideradas entre a cidadanía e mesmo nunha parte do electorado de dereitas.

As enquisas publicadas situaron o BNG como a forza política que máis medrou durante a campaña. Nesta liña, os nacionalistas esperan decantar unha parte importante do electorado indeciso, cuxa bolsa maior se atopaba entre os menores de 40 anos, e captar cara á súa candidatura votantes que noutros procesos optaron por outras formacións progresistas. A este respecto, lembran que hai catro anos arredor de 5.000 sufraxios de esquerda ficaron sen representación na corporación por non superar o límite legal de 5%.

A incógnita de Ciudadanos

A incógnita, por abaixo, destes comicios é o resultado final de Ciudadanos. Precisamente, diferentes enquisas déronlle representación á candidata da formación laranxa, Olga Louzao, que loita por manterse no Concello co aval da percepción positiva do traballo nestes dous últimos mandatos, cunha oposición propositiva.

Comentarios