Candidata do PP

Elena Candia: "Lugo non quere parecerse a Pontevedra"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Elena Candia encabeza a lista do Partido Popular á Alcaldía de Lugo.

Elena Candia, candidata do PP á Alcaldía de Lugo (Foto: cedida).
photo_camera Elena Candia, candidata do PP á Alcaldía de Lugo. (Foto: Nós Diario)

—Que balance fai desta última lexislatura con Lara Méndez fronte do Goberno de Lugo? Como mudou a cidade neste tempo?
Houbo moito de soberbia, falta de coordinación e un sin fin de fiascos, malas decisións e actuacións pouco éticas do 'bigoberno' como uso abusivo de contratos menores, pérdida de subvencións, redución e externalización de servizos, fracaso da implantación electrónica e despilfarro de fondos europeos en proxectos como o carril bici que destrozou barrios ou as caldas do Miño de auga do grifo do Parque do Miño.

Foron incapaces de abrir o novo Auditorio de Magoi, cuxas chaves teñen desde hai 3 anos, tampouco foron quen de sacar adiante documentos urbanísticos como a actualización do PEPRI ou proxectos como o da praia fluvial e o feche do cinto verde unindo os Paseos do Miño e do Rato.

Polas súas malas decisións tivemos que pagar 2,5 millóns de euros pola Fábrica da Luz e, pese ao seu triunfalismo, ainda está por ver canto nos vai custar aos lucenses a desfeita urbanística que permitiron facer nas costas do Parque, coas Torres do Garañón.

En resumo, tendo en conta os miles e miles de millóns de euros que manexaron PSOE e BNG nos últimos case 25 anos en Lugo o resultado da súa xestión é decepcionante. Lugo necesita dunha xestión eficaz, dun transporte e tráfico máis cómodo, un Lugo que coide dos seus, que potencie o turismo e que sexa un lugar de oportunidades. Seguir cun goberno de PSOE e de BNG significa seguir con máis do mesmo.

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Teño moi claro que Lugo é un municipio con identidade propia que non quere copiar nin a Vancouver, nin a Pontevedra. Lugo necesita un goberno forte, cun proxecto único. O primeiro é mellorar a imaxe da institución municipal implicando os traballadores para que o Concello funcione de forma eficiente e eficaz. Para iso comprometo diálogo social e unha reorganización profunda do cadro de persoal do Concello consensuada cos traballadores. Creo firmemente en que hai que achegar a Administración local á cidadanía eliminado a cita previa, introducindo a linguaxe sinxela nas tramitacións e reducindo a burocracia.

Comprometo diálogo social e unha reorganización profunda do cadro de persoal do Concello consensuada cos traballadores

Poremos en marcha medidas para conseguir un Lugo para as persoas favorecendo a conciliación creando máis escolas infantís, ociotecas e ludotecas en polígonos e barrios e prestando unha especial atención en visibilizar o talento dos nosos maiores e en ofrecer alternativas de ocio para a mocidade como pode ser a rehabilitación do antigo edificio da OJE ou a creación dun novo polideportivo. No noso proxecto de cidade o rural tamén conta. Temos compromisos con medidas específicas para que a súa veciñanza teña máis e mellores servizos.

—Un dos temas de actualidade é a futura Ronda Leste. De que maneira debería rematar esta importante infraestrutura para que beneficie á cidade e á súa veciñanza?
Até que tivo orzamento a reivindicación desta infraestructura era absolutamente unánime por todas as forzas políticas. Cando se conseguiu, parece que se está en contra. Creo que o debate político non debe influir na analise sosegada de todas as alegacións e o éxito será chegar a un acordo de consenso escoitando a todos. As obras deben facerse así. Todas, as grandes e as máis pequenas!

—Diversos colectivos veñen reclamando unhas melloras conexións ferroviarias e por estrada de Lugo coas outras cidades galegas, como é o caso da conexión con Santiago. Que opinión ten sobre este tema?
Aquí non hai medias tintas. Exixiremos o remate das autovías e a chegada da alta velocidade. Non permitiremos que Lugo sexa a cidade peor conectada de España.

—Un dos asuntos que máis preocupa á poboación é o desemprego. Cal serían as súas propostas para crealo no municipio?
Implantaremos plans de formación específicos para as persoas desempregadas e con dificultades de inserción da man das demandas dos distintos sectores empresariais, de modo que o Concello axude a conciliar as necesidades de ambas as partes para faciltar a empregabilidade de xente con dificultades no acceso ao mercado laboral. Crearemos unha bolsa de axudas para a contratación de alumnado egresado do Campus Terra por parte de empresas e persoas autónomas que teñan a súa sede no Concello de Lugo. Esta medida contribuirá á retención de poboación moza, ao tempo que se reforza a transferencia do coñecemento acumulado na Universidade á sociedade luguesa.

Exixiremos o remate das autovías e a chegada da alta velocidade. Non permitiremos que Lugo sexa a cidade peor conectada de España

Tamén poremos en marcha un Polo de Emprendemento e abriremos unha oficina de captación de investimentos e de acompañamento ao emprendedor. Para estimular o comercio de proximidade crearemos bonos comercio co que reforzaremos o atractivo das tendas luguesas promovendo un estilo de economía sostíbel xa que o consumo local ademais de ter un impacto positivo no medio ambiente xera emprego e pode ser obxecto de proxectos relacionados coa industria agroalimentaria.

—Que actuacións debería acometer o Concello en materia de mobilidade?
Lugo debe encamiñarse cara a unha mobilidade sostíbel que concilie o reforzo do transporte público cunha circulación fluída e un estacionamento cómodo. As propostas do PP en materia de mobilidade son modificar o carril bici, os veciños e comerciantes axudarán a decidir o itinerario. En canto ao transporte público é preciso mellorar as rutas, con máis frecuencias de paso e descontos que poden chegar até o 100% do billete para xubilados, pensionistas e familias con escasos recursos. Tamén implantaremos bonos semanais, mensuais e anuais con viaxes ilimitadas.

Crearemos máis prazas de aparcamento no entorno do barrio do Carme, na rúa Castelao e na actual Estación de Autobuses así como proxectos innovadores, como un aparcamento en altura en Fontiñas ou un aparcamento soterrado en Augas Férreas.

En determinadas zonas comerciais con problemas de estacionamento, poremos en marcha un novo sistema para fomentar o aparcamento rotatorio que será gratuíto durante as dúas primeiras horas e que estará controlado por unha APP ou coche lector de matrículas.

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
En Lugo hai un tecido asociativo do eido social que traballa de forma moi xenerosa, responsábel e rigurosa na atención de persoas. É de xustiza que o Concello impulse medidas que fomenten a inclusión, o recoñecemento da diversidade e a atención á dependencia. Impusaremos iniciativas de asistencia integral a usuarios e coidadores que concretamos en diferentes propostas:

A posta en marcha dun Centro de respiro en Calde para axudar aos familiares de persoas con alzhéimer; o impulso dun Plan municipal de Saúde Mental, habilitar unidades de atención temperá e postemperá. Tamén crearemos un selo de responsabilidade social para premiar as empresas de Lugo que fan inclusión profesional de persoas con discapacidade.

Outro gran reto que asumimos cando cheguemos ao goberno é eliminar a lista de agarda do Servizo de Axuda no Fogar. E por útlimo consideramos fundamental activar programas de voluntariado para promover un ocio inclusivo e para evitar a soidade non desexada. Tamén é preciso actualizar os convenios coas entidades do eido social así como axilizar os trámites burocráticos para que cobren canto antes.

Reforzaremos o apoio a citas culturais xa consolidadas, coma a Semana do Cine, a do Jazz ou a da Maxia

—Cales serían as súas propostas en materia cultural para o municipio?
Un dos primeiros obxectivos que marcamos na nosa folla de ruta é a adhesión á Rede de Cidades Creativas na categoría de artes dixitais. Ao sumarnos a este Rede fechariamos o círculo de recoñecementos da Unesco e presentaríamos Lugo como un escenario de oportunidades, un destino cultural e patrimonial e un motor da industria e o emprego local.

Este traballo debe ir parello ao impulso dun Plan de turismo desestacionalizado que permita a captación de visitantes durante todo o ano e que nos permitirá crear unha marca turística propia que reflicta a singularidade extraordinaria de contar con tres bens Patrimonios da Humanidade (Muralla, Catedral e Camiño Primitivo).

Con respecto á política cultural, artellarémola en torno a catro puntos chave que son a calidade, excelencia, diversificación e capacidade de proxeción. O proxecto do PP quere fuxir dos sectarismos e integrar o talento das persoas de Lugo coa chegada de propostas nacionais e internacionais coas que encher de vida as fins de semana de todo o ano.

Así mesmo reforzaremos o apoio a citas culturais xa consolidadas, coma a Semana do Cine, a do Jazz ou a da Maxia, así como tamén os festivais do Caudal Fest ou o Arde Lucus (do cal propomos ampliar un día a súa celebración). Ademais, potenciaremos eventos específicos no eido da danza, das agrupacións corais ou da música tradicional. Así mesmo potenciaremos o Camiño Primitivo e recuperaremos a emblemática banda municipal de música.

Comentarios