Alcaldesa e candidata do PSdeG á reelección

Lara Méndez: "As infraestruturas son unha prioridade absoluta, reclameino co PP no Goberno estatal e agora co PSOE"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Lara Méndez, actual alcaldesa, repite nestes comicios como candidata do PSdeG-PSOE en Lugo.
Lara Méndez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A actual alcaldesa, Lara Méndez, repite como candidata do PSdeG en Lugo. (Foto: Nós Diario)

—Que balance fai desta última lexislatura á fronte do Goberno de Lugo? Como mudou a cidade neste tempo?
Durante estes últimos catro anos desenvolvemos o proxecto de cidade que deseñamos no mandato anterior e co que nos comprometemos coa veciñanza, avanzando  na segunda gran transformación de Lugo, cunha nova mirada á concepción de cidade, baseada nun urbanismo máis sostíbel e proactivo na loita contra o cambio climático, menos duro, que busca a renaturalización dos espazos públicos e que inclúe actuacións para acadar unha mobilidade neutra en carbono, novas formas de construción e edificación, unha maior accesibilidade da trama urbana co río ou a mellora e creación de espazos públicos máis confortábeis para a cidadanía de todas as idades.

Levamos catro anos traballando moi duro sen que iso nos impedise tamén atender —en solitario e só con recursos propios ante a ausencia da Xunta— todas as novas necesidades que xurdiron coa pandemia.  E agora, ese proxecto que está a converter Lugo nunha cidade referente para outros territorios polas súas políticas de sostibilidade, é xa tanxíbel para a veciñanza local que comproba nos seus barrios e no conxunto do municipio como cambiamos e avanzamos, porque hoxe dispoñen de maiores e mellores espazos comúns e de novas dotacións e servizos, cómodos e eficientes que incrementaron a súa calidade de vida e o seu benestar.

O resultado da confianza que depositaron en nós nas anteriores eleccións tradúcese en numerosos proxectos que hoxe xa están materializados: o avance nas peonalizacións do centro histórico —completaremos agora o 15% pendente con fondos europeos— pero tamén da contorna da Muralla e nos barrios; a rexeneración da Calzada da Ponte, a ampliación do paso soterrado, a pasarela Tanxurela, as Caldas do Miño, a mellora dos accesos na Volta da Viña, a recuperación da vía XIX e do Camiño Primitivo, a urbanización da esquina de San Roque, o desdobramento de Duquesa de Lugo, a posta a punto, renovación e creación de novos parques e zonas verdes, a mellora do servizo de limpeza, a creación de estacionamentos disuasorios e máis prazas de aparcamento no centro, a ampliación dos parquings soterrados, o novo Centro Social de Lamas de Prado, a biblioteca Paco Martín, o multipremiado edificio Impulso Verde, o embelecemento da cidade co arte urbano, o circuíto de motocross Jorge Prado, o skate park

Seguimos a ser referentes en políticas de atención aos colectivos máis vulnerábeis

Falamos de transformación física de Lugo, pero tamén dunha transformación social, á que dedicamos 30% do noso orzamento, xa que seguimos a ser referentes en políticas de atención aos colectivos máis vulnerábeis, e por citar algún exemplo polo seu alcance, o programa de atención aos maiores en situacións de soidade non desexada, as políticas de apoio ao alugueiro, a consecución para Lugo de Cidade Cardioprotexida ou a intensa programación para a mocidade.

E non podemos obviar a cultura e o turismo, porque acadei como alcaldesa que Lugo sexa Capital da Cultura do Eixo Atlántico, sede do Tour do Talento para impulsar accións para o desenvolvemento persoal e laboral da mocidade, o recoñecemento para Lugo como Cidade da Innovación e as Ciencias, a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional para o Arde Lvcvs, o desenvolvemento da contorna do río con novos equipamentos, o coidado do noso patrimonio coa musealización da cloaca romana ou os 2 millóns de euros que acadamos de Europa para desenvolver o primeiro Plan de Turismo Sostíbel da cidade. Por certo, son 2 millóns de euros que se veñen a sumar aos 44,5 millóns de fondos europeos conseguidos e que estiven xestionando como recursos extraordinarios durante estes últimos oito anos.

—No caso de continuar na Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Darlle continuidade a todos os proxectos xa en marcha e darlle un novo pulo á rexeneración dos barrios. Estamos traballando agora man a man coa veciñanza no Plan Rehabilita para impulsar a mellora das vivendas e dos espazos públicos na Milagrosa e o barrio Feixoo a través dos fondos europeos, que desenvolveremos e que estenderemos cara outras partes da capital. Renaturalizar todos os barrios é outra das nosas prioridades e seguir creando espazos públicos confortábeis para a cidadanía porque estamos ante o reto do cambio climático que non podemos obviar.   

Outro dos desafíos da cidade no que seguiremos avanzando é a súa transformación económica, onde estamos a investir a maior contía municipal da nosa historia para crear oportunidades laborais e, desde logo, acadar a súa conectividade por estrada e ferrocarril dentro e fóra da comunidade galega.    

—Un dos temas de actualidade é a futura Ronda Leste. De que maneira debería rematar esta importante infraestrutura para que beneficie á cidade e á súa veciñanza?
É unha infraestrutura moi importante para Lugo porque vai beneficiar o seu crecemento e a eliminar tráfico da cidade, polo que defendemos, como sempre fixemos, a execución da segunda fase, que complete a primeira executada na etapa do presidente Touriño na Xunta. Pero o que non defendemos é o deseño que presenta a Xunta da Galiza xa que dana os nosos ecosistemas naturais no Rato. Pedímoslle desde un primeiro momento ao Goberno galego que nos fixera chegar o plan previsto para traballar conxuntamente, pero negouse e agora presenta un trazado que supón un prexuízo para a contorna, a paisaxe e a nosa riqueza patrimonial e que desvirtúa as esixencias, requisitos e indicacións incluídas na Declaración de Impacto Ambiental formulada no seu momento.

O Concello está a desenvolver un intenso traballo para o coidado deste ecosistema, polo que non podemos permitir agora esta agresión. Acabamos de asinar un protocolo de colaboración para levar a cabo a rexeneración integral da contorna fluvial dos rios Rato e Fervedoira coa Confederación Hidrográfica, que incluirá a limpeza da canle, a reforestación con especies autóctonas e tamén a creación de novas zonas de convivencia veciñal e roteiros peonís;  e, ademais, presentamos un proxecto para os fondos europeos para o fechamento do Cinto Verde que segue os cursos fluviais dos ríos Miño, Rato e Fervedoira, co obxectivo de convertelo nun conector ecolóxico peonil e ciclista entre a zona urbana e a contorna fluvial, ao mesmo tempo que recuperaremos o seu hábitat e impulsaremos os seus usos para o ocio, o deporte e o esparexemento.

Para min as infraestruturas de Lugo foron e son unha prioridade absoluta, que reclamei co PP no Goberno central e que reclamo agora co PSOE

—Diversos colectivos veñen reclamando unhas mellores conexións ferroviarias e por estrada de Lugo coas outras cidades galegas, como é o caso da conexión con Santiago. Que opinión ten sobre este tema?
Colectivos e o Concello de Lugo, porque para min as infraestruturas de Lugo foron e son unha prioridade absoluta, que reclamei co PP no Goberno central e que reclamo agora co PSOE. De feito, nada máis chegar a Alcaldía no pasado mandato conseguín recuperar o proxecto da Estación Intermodal, que o Executivo de Raxoi metera, literalmente, nun caixón, infraestrutura que será clave para que chegue a Lugo a alta velocidade e para a que acabamos de asinar xa un convenio de 50 millóns de euros, que se sumarán aos perto de 600 millóns que o Goberno estatal está investindo en mellorar a vía ferroviaria Lugo-Ourense para o mesmo fin.

Somos os primeiros en reivindicar estas melloras, así como que se aceleren as obras da autovía con Lugo e con Ourense. Ademais, levo anos instando, como alcaldesa e vicepresidenta do Eixo Atántico e agora como presidenta deste organismo transfronteirizo, que se inclúa o eixo A Coruña-Ferrol-Lugo no Corredor Atlántico de Mercadorías para que a nosa cidade sexa máis competitiva economicamente, mantendo reunións para acadar apoios de empresarios, sindicatos e de distintos colectivos, incluída algunha reunión co presidente da Xunta, esta última tristemente infrutuosa. Finalmente acadei o compromiso do Ministerio Transportes, a través dos seus secretarios de Estado, e agora o Parlamento europeo acordou por unanimidade facer esta proposta, paso imprescindíbel para a súa consecución. E teño que dicir que esta batalla libreina en solitario, e só no último mes sumáronse o resto de grupos da corporación, PP, BNG e Cs, que son benvidos, pero que até agora estiveron ausentes desta reivindicación. Estarei vixiante de que se cumpran estes compromisos.

—Un dos asuntos que máis preocupa á poboación é o desemprego. Cal serían as súas propostas para crealo no municipio?
As nosas propostas son xa unha realidade. En Lugo implantamos unha política moi ambiciosa de apoio ao emprendemento, e nos últimos anos desenvolvemos no noso coworking municipal 130 proxectos empresariais, dos que 90 están facturando, creando preto de 230 postos de traballo directos, máis os indirectos. Foi precisamente de Lugo de onde saíron os primeiros 20 emprendedores de toda en España en plena pandemia. Ademais, a principios deste mandato creei a Mesa da Diversificación Industrial -a pesar de que a industria non é unha competencia municipal- para impulsar da man dos empresarios, da Universidade e outras institucións unha industria baseada en todo o potencial do municipio, apostando pola sostibilidade, o sector agroalimentario e forestal e a innovación.

Logo entramos en pandemia, e fomos a primeira Administración en destinar recursos para axudar ás persoas autónomas, emprendedoras e  ás pemes de Lugo, ás que apoiamos con 6 millóns de euros en axudas directas para que puidesen afrontar os seus pagos e mantivemos activos os contratos coas empresas provedoras do Concello para poder conservar os salarios de preto de 600 familias, entre outras moitas medidas que puxemos en marcha para apoiar o emprego dunha cidade que vive principalmente do sector servizos.

O Lugo Transforma xa está a dar os seus froitos con compañías punteiras que se están a instalar no municipio

Activamos, así mesmo, un Plan de Reactivación Económica trala pandemia que inclúe dúas estratexias moi potentes, onde destinamos un millón de euros a accións de dinamización do comercio local nos distintos barrios -potenciando a formación e o networking, noiteos, tardeos e mercadiños, entre outras moitas iniciativas- e 12 millóns de euros na creación do primeiro fondo inversor municipal de España (o Lugo Transforma) para atraer empresas de alto impacto innovador e ambiental (acorde co modelo de cidade que defendemos, proactivo na loita contra o cambio climático), para crear en Lugo 1.000 postos de traballo directos nos vindeiros catro anos, e o triplo de postos indirectos. Serán empregos de calidade vinculados a empresas de vangarda. O Lugo Transforma xa está a dar os seus froitos con compañías punteiras que se están a instalar no municipio, o que nos axuda a reter e atraer talento e crear oportunidades laborais.

Todas estas estratexias terán continuidade, así como a proxección que está a ter Lugo non só en España, senón en Europa como un referente en políticas de deseño e construción das cidades sostíbeis do futuro tendo en conta o potencial dos nosos recursos naturais, como é, por exemplo, a madeira. Lugo é a única Administración de España que está a executar os seus edificios públicos en madeira como elemento estrutural (que en Francia axiña será unha obriga), amosando ademais que é madeira galega con certificación de xestión sostíbel dos montes, o que suporá un impulso ao sector forestal do municipio e da Galiza a través da transformación e o I+D+i.

O turismo é para Lugo clave na dinamización económica, pero levamos anos traballando para acadar un crecemento sostíbel, evitando fenómenos de sobrecarga que provocan conxestión e o ruído nas áreas máis turísticas, así como falta de vivenda alcanzábel e impactos ambientais negativos. O noso modelo está vinculado cun turismo de calidade e de experiencias, aproveitando todo o noso potencial histórico e patrimonial (contamos con tres Patrimonios da Humanidade) e natural, así como gastronómico, características que nos permitiron acadar dous millóns de euros de fondos europeos Netx Generation no primeiro Plan de Turismo Sostíbel da cidade, que activaremos en canto asinemos o convenio coa Xunta da Galiza.

Desenvolvemos accións moi ambiciosas para mellorar a accesibilidade a pé e en bici da trama urbana co Miño

—Que actuacións debería acometer o Concello en materia de mobilidade?
Lugo leva 8 anos dando pasos moi importantes para acadar unha mobilidade neutra en carbono, gañando espazos para a cidadanía e potenciando o uso da bicicleta. Desenvolvemos accións moi ambiciosas para mellorar a accesibilidade a pé e en bici da trama urbana co Miño (unha vella demanda veciñal), como é a senda verde ciclista que une xa 8 barrios da cidade entre si e estes barrios coa zona fluvial. Tamén impulsamos accións de calmado de tráfico, a execución de rotondas claves como San Eufrasio e Alfonso X, e numerosas peonalizacións tanto no centro histórico (estamos xa coas obras para a súa peonalización integral) e a súa contorna como nos barrios.

Finalizamos a primeira fase da ampliación e humanización da Duquesa de Lugo e estamos a punto de acometer a segunda, con apoio da Deputación, que será clave para poder liberar de tráfico unha das arterias principais da cidade, como é a Avenida da Coruña, que queremos transformar nun bulevar verde. Ao mesmo tempo, creamos máis 1.300 prazas de aparcamento disuasorio gratuíto, ás que axiña se unirán 500 máis. Un dos retos pendentes é a mellora do transporte público urbano, que non está a a funcionar todo o que ben que é desexábel, porque é necesario que teña máis liñas e con maiores frecuencias.

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
O Benestar Social é, sen dúbida, unha das nosas bandeiras. Lugo está hoxe á cabeza das cidades galegas en canto ao sistema municipal de Servizos Sociais, de prestacións públicas, de atención á emerxencia e á vulnerabilidade, con políticas de protección chamadas a ser un escudo social. Non en van levamos todo o mandato destinando o 30% dos orzamentos municipais a impulsalas.

Trátase dun aspecto este que nos afianza no noso compromiso ineludíbel por acadar mellores niveis de calidade de vida nos ámbitos urbanos e rural, por integrar os sectores máis desfavorecidos, por fomentar a oferta educativa, deportiva, cultural e de lecer e por apostar por unha cidade 8 – 80 na que as necesidades de todas e todos estean debidamente cubertas e atendidas.

A maioría de todas estas actuacións teñen un denominador común: ser competencia autonómica aínda que os cartos que as sufragan

Lugo conta hoxe con 7 centros cívicos e un moderno Centro Interxeracional que dan cobertura a máis de 20.000 persoas usuarias. E cada ano destinamos máis de 7 millóns de euros a axudar a aqueles que dispoñen de menos recursos a través da promoción e reinserción social, da axuda no fogar, do xantar no fogar (cuxa partida incrementamos dende a pandemia en máis nun 144% ), dos pisos de acollida ou do Fogar do Transeúnte. Cada ano, diriximos en torno ao medio millón de euros a axudas ao alugueiro, mantemos diferentes programas de conciliación familiar que se reforzan en épocas estivais ou períodos de vacacións escolares, impulsamos unha innovadora prestación de acompañamento para maiores que viven en soidade e investimos preto dun millón de euros en políticas de muller alén de dar apoio a todos os colectivos e entidades sociais a través do Plan Estratéxico de Subvencións.

Pero a maioría de todas estas actuacións teñen un denominador común: ser competencia autonómica aínda que os cartos que as sufragan (13 millóns de euros cada exercicio) saen do peto das e dos lucenses porque a Xunta da Galiza non achega nin un só euro e cada ano merma os seus esforzos en materia asistencial na nosa cidade.

Creo, por tanto, que o esforzo do Concello en políticas de Benestar é tanxíbel. Dispoñemos dunha rede de centros acondicionados, tamén conforme á emerxencia climática e á necesidade de garantir o aforro enerxético. Instalacións cómodas, con atención e programación diversa e variada para todos os públicos en prol de hábitos de vida saudábeis e dun ocio alternativo que motive ás novas xeracións e aos maiores a ser parte activa da vida diaria da cidade e o piar do futuro que está por construír. É a base das nosas políticas 8 – 80 nas que queremos seguir traballando e sendo referentes de boas prácticas.

Somos a única administración que está a poñer en valor o noso patrimonio a pesar de ser competencia da Xunta

—Cales serían as súas propostas en materia cultural para o municipio?
Apostamos por unha cultura vinculada á formación, creación, produción e innovación da cultura local, garantindo que as producións lucenses teñan unha presenza significativa e equilibrada no conxunto de actividades culturais da cidade. E apostamos por unha cultura asociada a nosa lingua propia, e que apoie a diversidade, que sexa inclusiva e que recoñeza a diversidade das expresións culturais e os proxectos interculturais.

A nosas propostas culturais pasan por unha programación estábel, de calidade e que teña en conta a todos os públicos, e por impulsar festivais xa de referencia a nivel nacional como o Caudal Fest e a cultura urbana dos grandes muralistas que sitúan xa a Lugo no ámbito internacional, e recuperando a nosa cultura rural.

Pero tamén por seguir recuperando culturalmente o noso pasado romano-castrexo e reivindicando a rehabilitación por parte da Xunta do Cuartel de San Fernando para o Museo da Romanización da Galiza, tras acadar o apoio do Goberno central para elaborar o  Plan Director e o Plan de Musealización. 

Somos a única administración que está a poñer en valor o noso patrimonio a pesar de ser competencia da Xunta, como as obras de recuperación das cloacas romanas, que finalizarán en breve, para que sexan accesíbeis ou impulsando a mellora e sinalización do Camiño Primitivo, a Via Romana XIX e a Vía Kuning.

Estamos traballando xa da man do Eixo Atlántico na estratexia de promoción conxunta do patrimonio histórico de época romana da Galiza e do norte de Portugal a través do deseño do Circuíto Cultural Gallaecia, que queremos que sexa o segundo circuíto tras o Camiño Primitivo, e activamos as rutas dos Premios Connexio para desenvolver intervencións artísticas en seis igrexas da ruta xacobea ao seu paso polas zonas rurais do municipio a través da fusión da arte sacra e contemporánea.

Tamén debemos activar proxectos de xestión cultural para encher de vida os novos contenedores, como o novo auditorio, unha vez que as obras nos permitan abrilo xa que tanto os problemas estruturais como a mala execución por parte da Xunta obrigan ao Concello a realizar un altísimo investimento para abrilo con seguridade. As obras incluirán a súa urbanización, para permitir tamén as actividades culturais no seu exterior.  Outra infraestrutura que impulsaremos será o primeiro coliving artístico municipal que está en obras, ubicado no barrio Carme e no Camiño Primitivo, co que potenciaremos o talento e as iniciativas cuturais co fin de garantir que as estratexias de desenvolvemento económico local comprendan as lóxicas específicas da economía da cultura, traballando cos seus actores para facilitar o camiño á súa profesionalización.

Comentarios