Candidata de Ciudadanos

Olga Louzao: "Seremos decisivos e pactaremos con proxectos, non con partidos"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Olga Louzao encabeza a candidatura de Ciudadanos á Alcaldía de Lugo.
Olga Louzao encabeza a lista de Ciudadanos en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Olga Louzao encabeza a lista de Ciudadanos en Lugo. (Foto: Nós Diario)

—Que balance fai desta última lexislatura con Lara Méndez fronte do Goberno de Lugo? Como mudou a cidade neste tempo?
Os lucenses sufrimos un 'bigoberno' que se adicou a xerar problemas e non a darlle solución os que xa existían e que, inda por riba, traballou de costas á cidadanía sen ningún tipo de participación cidadá nin escoita activa. Por outra parte, a relación entre os seus socios, PSOE e BNG, foi máis que cuestionábel. Tivemos un goberno cunha relación inexistente, o que supuxo que os lucenses tivesen dous gobernos distintos, cada un de seu cos seus obxectivos e sen ningún tipo de coordinación. Estiveron máis preocupados de lograr rédito electoral que de traballar de forma coordinada por mellorar a cidade.

É certo que existiron avances en aspectos como as peonalizacións, pero estes proxectos chamados a mudar a cidade tiveron un impacto limitado e consecuencias negativas pola falta de planificación coa que se levaron a cabo. Isto supuxo un rexeitamento por unha parte da veciñanza. Ademais, a nula capacidade de diálogo entre Administracións traduciuse na paralización de proxectos moi importantes para a cidade como a praia fluvial, o cuartel de San Fernando, o novo auditorio.

Un Goberno que, aínda por riba, non aproveitou a oportunidade que brindaron os máis de 46 millóns de euros achegados polos fondos europeos para transformar a cidade, xa que moitos de estes cartos adiciónanse a obras que non deron resposta as necesidades da veciñanza e cuxa execución creou rexeitamento até dentro do Goberno local, como por exemplo o carril bici, rexeitado polo propio concelleiro de Mobilidade.

O noso obxectivo é pór enriba da mesa os asuntos dos que tanto PP como PSOE e BNG non lles interesa falar

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Nós imos ser decisivos no próximo Goberno local de Lugo. O noso obxectivo é pór enriba da mesa os asuntos dos que tanto PP como PSOE e BNG non lles interesa falar. Imos pactar por proxectos, non con partidos, por iso consideramos fundamental empezar a redactar un novo PXOM como documento vertebrador do futuro da cidade. É necesario tamén executar tres proxectos fundamentais para mudar a mobilidade da cidade e poder acadar de forma real unha cidade máis sostíbel mellorando o tráfico de vehículos e peonil: unidireccionalidade da avenida da Coruña, reforma integral de Fonte dos Ranchos, abrir avenida Vila Verde e dotar de aparcadoiros a contorna do noso casco histórico, que precisa dunha aposta firme para recuperar a súa actividade comercial e residencial. É fundamental recuperar a zona norte da cidade, degradada pola falta de investimento municipal desde hai décadas. Temos que construír unha cidade máis igualitaria onde non haxa veciños de primeira e segunda categoría en función do barrio ou a parroquia onde vivan.

É fundamental recuperar a zona norte da cidade, degradada pola falta de investimento municipal desde hai décadas

Por outra parte, é necesario mellorar o funcionamento dos servizos sociais e do departamento de Urbanismo, agora mesmo colapsados e fundamentais para dar resposta as necesidades da veciñanza e para xerar riqueza e benestar social para a veciñanza. Desde o departamento de licenzas é necesario desbloquear o emprendemento. Non pode ser que un autónomo teña que esperar meses por un papel para poder exercer o seu oficio. Sen o motor económico que supón o tecido produtivo é complicado que se poidan xerar recursos públicos para atender as necesidades sociais que no contexto actual van en aumento.

—Un dos temas de actualidade é a futura Ronda Leste. De que maneira debería rematar esta importante infraestrutura para que beneficie á cidade e á súa veciñanza?
O noso grupo foi o primeiro e o único que se opuxo a este proxecto presentado pola Xunta. Mentres O BNG e o PSOE votaron a favor de que se executara co actual trazado en abril de 2021 nós pelexamos en concienciar a sociedade do impacto medioambiental que suporía este despropósito. A nosa acción política foi fundamental para que logo outros partidos mudaran o seu posicionamento. Nós presentamos alegacións a este proxecto e loitamos por que se atopen solucións a esta vía. Por exemplo, a apertura da avenida Vila Verde da que falamos anteriormente suporía poder desconxestionar o tráfico de Fontiñas e dar solucións ao tráfico interno o que desmonta o argumento dos defensores da Ronda Leste. Existen alternativas, polo que é necesario paralizar este proxecto e realizar un estudo actualizado da mobilidade nesta zona para preservar o seu valor patrimonial e medioambiental.

—Diversos colectivos veñen reclamando unhas melloras conexións ferroviarias e por estrada de Lugo coas outras cidades galegas, como é o caso da conexión con Santiago. Que opinión ten sobre este tema?
Os partidos con responsabilidade de Goberno, PSOE e PP, non moveron un dedo para evitar que Lugo quedase desconectada con resto da meseta e da Galiza. Lugo precisa conexións ferroviarias modernas. Non chega unha estación intermodal, é necesario crear rutas e frecuencias que vertebren o territorio e que permitan o desenvolvemento económico e a cohesión social da cidade. Levamos 20 anos esperando que se remate a autovía a Santiago, o que supón unha tomadura de pelo para a que xa se nos quedamos sen calificativos. O mesmo sucede coa autovía a Ourense, que a día de hoxe con apenas oito quilómetros en funcionamento é unha utopía.

Non podemos esquecernos do precario mantemento das estradas actuais. É necesario que desde a Administración local como goberno de todos os lucenses interceda ante Xunta e Goberno do estado para que Lugo deixe de r ser a gran esquecida da Galiza, algo que non fixo a actual corporación.

—Un dos asuntos que máis preocupa á poboación é o desemprego. Cal serían as súas propostas para crealo no municipio?
Nas últimas dúas década miles de mozos e mozas de Lugo tiveron que abandonar a cidade por falta de oportunidades laborais. É necesario crear unha cidade onde sexa posíbel compatibilizar o proxecto vital de cada quen co seu proxecto profesional. Para iso é preciso introducir bonificacións fiscais para posibilitar o crecemento e a contratación, debemos simplificar os trámites administrativos e pór en marcha un plan de formación en coordinación cos empresarios para xerar emprego de calidade. Necesitamos achegar seguridade xuridica para captar investimentos e impedir que o tecido produtivo consolidado múdese a outros polígonos da nosa contorna.  

É preciso introducir bonificacións fiscais para posibilitar o crecemento e a contratación

—Que actuacións debería acometer o Concello en materia de mobilidade?
O problema da mobilidade é un dos máis preocupantes na cidade. As iniciativas levadas a cabo polo goberno local baseáronse na improvisación. Hoxe unha peonalización aquí, outra mañá noutro lugar, todo sen responder a unha planificación que permita transformar a cidade de forma real. Máis que peonalizacións son repavimentacións, porque os coches seguen a pasar por moitos dos lugares. Nós temos moi claro cales son as solucións a conxestión do tráfico, que por outra banda é un dos principais xeradores das emisións de CO2.

Se queremos ter unha cidade respectuosa co medio ambiente e de baixas emisións é necesario executar os catro proxectos que mencionamos con anteiroridade: unidiraccionalidade da avenida da Coruña para conectar a zona norte coa zona centro e sur da cidade, reforma integral de Fonte dos Ranchos eliminando os semáforos e facendo fluídas as comunicación no eixo norte-sur, abrir avenida Vila Verde para desconxestionar Fontiñas e rematar con debate estéril da Rolda leste, e dotar de aparcadoiros a contorna do noso casco histórico, que precisa dunha aposta firme para recuperar a súa actividade comercial e residencial.

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
Os servizos sociais municipais están totalmente colapsados. Os motivos son varios, a sobrecarga de traballo polo contexto social, a falta de recursos humanos no Concello ao que o PSOE e o BNG non souberon dar resposta... Por outra parte están os protocolos de funcionamento, onde detectamos que apenas hai derivación o tecido asociativo naquelas necesidades onde o sistema aínda non chega. É verdade que a política da Xunta é nefasta, pero non é menos certo que o Concello, como a administración máis próxima, podería facer moito máis.

É necesario traballar en coordinación co tecido social. Nas reunións mantidas cos diferentes colectivos de Lugo sempre se repetían os mesmos problemas: a escaseza de locais sociais, a baixa contía das achegas económicas do Concello e a tardanza na entrega das subvencións. Se nós vemos isto tan claramente, no entendemos como o departamento de Servizos Sociais no fai nada por darlles unha solución. Hai que confiar no noso tecido asociativo, por iso a mellor solución sería achegar as subvencións en tempo e despois comprobar se houbo algunha deficiencia. Tampouco nos podemos esquecer da contía das subvencións, todo encarece pero as subvencións nominativas non soben.

É necesario contar cunha oferta cultural máis plural, que poida satisfacer todos os gustos e todas as sensibilidades culturais

—Cales serían as súas propostas en materia cultural para o municipio?
Un aspecto fundamental cando falamos de cultura é a preservación e a promoción do noso patrimonio histórico. Algo esquecido durante os últimos anos por este Goberno. Nós propomos un Consorcio para o casco histórico como ferramenta para coordinar as distintas Administracións nesta materia tan complexa. O promotor debe ser o Concello, se os lucenses non somos proactivos nesta materia ninguén mirará por nós. O obxectivo desta ferramenta é pór en valor o noso patrimonio: recuperación do Cuartel de San Fernando e a súa contorna, promover investimentos no barrio da Tinería, impulsar o Paseo interior da Muralla ou recuperar para a comunidade os inmóbeis históricos actualmente ruinosos e os vestixios romanos esquecidos baixo formigón.

Por outra parte é necesario contar cunha oferta cultural máis plural, que poida satisfacer todos os gustos e todas as sensibilidades culturais, e para iso sería útil crear o Consello de Cultura onde a cidadanía tería representación. Temos un auditorio sen abrir, que a pesar de todas as súas carencias, permitiría a Lugo acceder a circuítos culturais dos que agora mesmo está fóra. Nós propomos recuperar a actividade da Banda Municipal de Música, algo que o BNG non logrou facer en 4 anos, para que se focalice na actividade docente e divulgativa a través dun programa de concertos didácticos para escolares. Vemos fundamental tamén reducir a carga impositiva para Galerías de arte, salas de cine e salas de concertos para promover este tipo de actividades na cidade. Tamén é necesario bonificar fiscalmente aos creadores culturais para que a súa actividade poida arrancar. En definitiva, un Lugo para todos.

Comentarios