28-M

Pontón pide concentrar o "voto de progreso" no BNG

Arroxo defende a "transformación" de Lugo.
Maite Ferreiro, Ana Pontón, Rubén Arroxo e Marica Campo, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Maite Ferreiro, Ana Pontón, Rubén Arroxo e Marica Campo, en Lugo. (Foto: Nós Diario)

“Arroxo será o próximo alcalde e colocará Lugo no máis alto”. Así de segura se manifestou esta cuarta feira en Lugo Ana Pontón. A portavoz nacional do BNG acudiu á cidade a arroupar o candidato nacionalista á Alcaldía e tente de alcalde, Rubén Arroxo, de quen dixo que ten “a enerxía, as ideas e a capacidade” para transformar a cidade. 

A líder nacionalista chamou desde Lugo a concentrar no BNG o "voto de progreso". “Este 28-M imos empezar a construír unha Galiza en grande", dixo, "concello a concello e tendes a miña palabra de que a presidenta que aspiro a ser terá un compromiso total con Lugo, non por favoritismo, senón porque é o xusto”, subliñou. Pontón apelou a sumar no BNG “todo o voto de optimismo e de confianza, todo o voto da cidadanía que quere frear a dereita”.

"Completar o cambio"

Pola súa parte, Rubén Arroxo sinalou que o BNG traballará a partir do 28M para completar o cambio que Lugo comezou neste mandato. "Hai catro anos todo o mundo falaba de que Lugo estaba paralizado, hoxe iso xa non se escoita, e o que cambiou foi que o BNG entrou no Goberno", afirmou.

Ribadeo, na comarca da Mariña, foi a primeira parada desta cuarta feira na campaña de Ana Pontón. Esta localidade leva gobernada polo nacionalismo desde hai case dúas décadas e ao 28-M concorre como candidato Pablo Vizoso, que tomou o testemuño do rexedor, Fernando Suárez.

A portavoz nacional acompañou Pablo Vizoso nun percorrido polo centro da vila convertida "en exemplo do modelo municipal de éxito do BNG", cun "urbanismo de calidade e cunha aposta polo tecido económico local, que crea riqueza e emprego e revitaliza socialmente os concellos".

E precisamente apelando a ese modelo, Pontón pediu sumar no BNG o voto de todas as persoas que queren "concellos vivos e con dinamismo económico e social, concellos que prosperan, que avanzan".

Previamente, Pontón estivo en Viveiro, tanén na Mariña, acompañando a candidata a Alcaldía, Miriam Bermúdez, nun encontro con representantes do tecido económico local. Alí destacou o potencial "transformador" do BNG.

Comentarios