Candidato do BNG

Rubén Arroxo: "Cumprimos 95% do programa electoral neste mandato"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Ruben Arroxo é na actualidade tenente alcalde da cidade da muralla e candidato á Alcaldía de Lugo.
Rubén Arroxo encabeza a lista do BNG en Lugo. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Rubén Arroxo encabeza a lista do BNG en Lugo. (Foto: Xan Carballa)

—Que balance fai deste último mandato no Goberno do Concello de Lugo? Como mudou a cidade neste tempo? Foi o comenzo dun camiño.
Efectivamente, a cidade mudou moito neste tempo e a xente voveuse máis orgullosa da súa cidade. Valorase moi positivamente que o BNG cumprira 95% do seu programa electoral desde o goberno e a candidatura presentada. Demos pasos fundamentais en canto á peonalización, a pintura de murais nas medianeiras, o apoio ao comercio de proximidade cunha renovación da praza e do mercado, creamos itinerarios seguros para escolares, e tivemos unha actividade cultural envexábel. Quizais o noso buque insignia é a Praza da Mosqueira, un tramo xunto da Muralla peonalizado neste mandato para seguir avanzando en liberar de vehículos a motor o entorno do noso monumento.

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Témolo moi claro, o Concello de Lugo debe pedir unha xuntanza inmediata con todas as institucións implicadas. Lugo debe contar coas infraestruturas precisas para comunicarse como o tren e as estradas. Impulsar desde o goberno municipal que se promova o emprego e facer que a xente máis nova se quede a traballar e vivir no noso Concello.

Lugo debe contar coas infraestruturas precisas para comunicarse como o tren e as estradas

—Un dos temas de actualidade é a futura Ronda Leste. Resulta de utilidade esta vía para a cidade e á súa veciñanza?
Lugo ten moitas eivas que a Xunta debe rematar antes de executar esta obra millonaria. A rehabilitación e rehabitación do barrio da Tinería, no centro da cidade, é unha das prioridades para o goberno galego que se paralizou no momento que o PP chegou á Xunta e segue sen rematarse. A rolda Leste é un proxecto de hai 20 anos e neste momento é totalmente innecesario. Non soluciona os problemas da cidadanía de Lugo e é un gasto de 20 millóns de euros que debe ir destinado a outras necesidades da cidade como as que propón o BNG. Non hai veciñanza a favor de esta obra, e de feito, xurdiu unha plataforma recentemente para paralizar este proxecto.

—Diversos colectivos veñen reclamando unhas melloras conexións ferroviarias e por estrada de Lugo coas outras cidades galegas, como é o caso da conexión con Santiago. Que opinión ten sobre este tema?
Está é unha das demandas do BNG, e doutras forzas políticas, fundamentais para Lugo. Como xa comentei nesta entrevista unha das primeiras medidas a tomar desde a Alcaldía, se recae no BNG, será a convocatoría dunha xuntanza de todas as administracións Xunta, Estado, Concello para garantir as infraestruturas precisas para que Lugo teña comunicacións. Neste momento a autovía Lugo-Santiago está sen remantar, a A-6 permanece cortada, as conexións ferroviarias apenas existen e a autovia con Ourense é inexistente. Se Lugo non ten comunicacións, non hai traballo e a xente nova emigra; é así de simple.

—Que actuacións debería acometer o Concello en materia de mobilidade?
Nesta materia xa se deron moitos pasos casa súa mellora. Creáronse novas prazas de aparcamento, peonalizaronse zonas da cidade, aumentouse a seguridade nos entornos escolares, apostouse polo uso de medios de transporte alternativos ao coche, fíxose o pintado integral de toda a sinalización horizontal, optimizouse o sentido das rúas para mellorar a circulación, etc... Evidentemente é un dos temas que ocupan e preocupan cidadáns e a este candidato e seguiremos avanzando neste eido.

Se Lugo non ten comunicacións, non hai traballo e a xente nova emigra; é así de simple

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
A tipoloxía das persoas usuarias mudou e o concello é a primeira porta de entrada a estes servizos nos que deben coordinarse varias Administracións. Os servizos sociais teñen unha estrutura anacrónica a estes tempos. O persoal do concello debe incrementar o seu contacto coas persoas que acoden a estes servizos e as administracións como a Xunta ten que incrementar o seu apoio ás entidades locais para que estas poidan asumir a demanda existente.

—Cales serían as súas propostas en materia cultural para o municipio?
Desde a Área de Cultura do concello fixemos un gran traballo volvendo a facer das festas do San Froilán as grandes festas do outono galego, creando unha programación de artes escénicas estable durante todo o ano, levando actividades á rúa e consolidando eventos que sitúan á cidade como referente.

Traballamos co tecido cultural para que dispoñan de todo o apoio do concello nas actividades propostas por eles xa que pensamos que a xente que traballa na cultura é a verdadeira protagonista. Debemos seguir avanzo neste eido xa que actividade cultural complementa o traballo feito na promoción turística e no desenvolvemento económico da cidade.

Comentarios