O PSdeG apoia Villarino fronte o “pacto letal” de Feixoo, Baltar e Jácome

O secretario xeral do partido, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a rectificar despois de que o PP vinculase a súa rúbrica nunha moción de censura contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, á saída do voceiro municipal socialista, Rafael Villarino, dos seus cargos políticos.

Fotografía de familia da executiva socialista en Ourense. (Foto: PSdeG)
photo_camera Fotografía de familia da executiva socialista en Ourense. (Foto: PSdeG)

“Non queremos que o PP asuma actitudes antidemocráticas en Galicia que noutras comunidades asume Vox”, censurou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, após o choque entre as formacións desta semana pola figura de Rafael Villarino nas institucións ourensás.

Após participar nunha reunión da executiva socialista en Ourense, Caballero amosou o seu apoio ao deputado e portavoz do grupo municipal socialista na cidade, Rafael Villarino, ao que o Partido Popular quería fóra de todos os seus cargos políticos a cambio de asinar unha moción de censura para provocar o cambio de Goberno local.

O representante do PSOE explicou que sacaron unha declaración institucional “pola calidade democrática e o respecto á cidadanía de Ourense”.

"A cidadanía non pode ser rectificada polos tics antidemocráticos do PP. O que sucedeu ao longo das últimas xornadas é moi grave e non se pode admitir nin consentir", afirmou, lembrando que Villarino foi elixido nunhas eleccións democráticas.

Así pediu unha rectificación pública ao presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ao entender que é o máximo responsábel de que o seu partido tivera un “intento de converter as institucións en propiedades” e tentase “decidir quen pode e quen debe estar nelas e quen non”.

"Vítima de acoso"

O propio Villarino denunciou que esta feira foi “vítima do acoso e os insultos” dos populares na presentación dunha idea sobre a memoria histórica no pleno da Deputación.

"A democracia está as portas de Ourense e tena que traer o Partido Socialista porque co Partido Popular estamos nunha espiral de ataques que o único que demostra é que o que o PP tiña de democracia era o discurso e agora ata o discurso perdeu", subliñou.

Pola súa banda, o PP ourensán criticou que o PSOE deixase rematar o prazo que ofreceran para sentar a “falar dun futuro Goberno de coalición” -coa condición de apartar a Villarino, que xa dera un paso atrás- que apease Democracia Ourensá e goberno en minoría de Pérez Jácome do Consistorio. Pero para o PSdeG xa é tarde tamén para acabar co "pacto letal" que no seu día acordaron Feixoo, Baltar e Jácome.

Comentarios