O PP de Ourense esixe agora a dimisión de Rafa Villarino para a negociación da moción de censura

Asegura que "Villarino é o peor político local que tivo" a cidade.

 

Imaxe de arquivo da fachada do Concello de Ourense. Europa Press
photo_camera Concello de Ourense (foto:Europa Press)

O Partido Popular de Ourense esixe agora ao socialista, Rafa Villarino, que entregue a súa acta de concelleiro para sentar a negociar a moción de censura cao fin de desaloxar Gonzalo Pérez Jácome da Alcaldía.

A portavoz popular Flora Moure trasladou a disposición do seu partido de sentar a dialogar co Partido Socialista. "Reiteramos a nosa máxima disposición ao goberno de coalición que vimos ofrecendo desde outubro", aseverou.

Porén, o PPdeG pon agora unha nova condición para dar ese paso, pois di que ten "dúbidas da honestidade" e "das sospeitosas verdadeiras intencións" que hai detrás do anuncio de Rafa Villarino de se asfatar da candidatura á Alcaldía e por iso piden que "se retire de verdade".

"Non pode pór un monicreque, ceder ficticiamente o poder a unha persoa que el vai manexar por detrás ata que chegue un momento que a situación sexa máis propicia para que o volva á primeira liña da política provincial. Non imos permitir este engano á cidadanía de Ourense por tanto o que ten que facer é abandonar a coalición municipal", esgrimiu.

Rafael Rodríguez Villarino, portavoz do PSOE no Concello de Ourense, anunciou esta segunda feira que estaba disposto a se “afastar” para permitir que fose adiante unha moción de censura contra o actual rexedor, Pérez Jácome

Jácome goberna a terceira cidade da Galiza con só 3 concelleiros grazas a que o PP se negaba a apoiar unha moción contra mentres Villarino fose o candidato a substituílo. O socialista opta por dar un paso ao lado e sitúa a bola no tellado do PP.

O portavoz do PSOE enviou unha carta á sede provincial do PP para emprazarlo a que antes deste sábado, 24 de abril, responden se prestan o voto necesario para a moción de censura xa sen el á fronte.

Manuel Baltar e Alberto Núñez Feixoo defenden posturas contrapostas respecto á moción de censura contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá). O presidente dos populares da Galiza e da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, comentou hoxe mesmo que o PP local "está disposto a falar" de levar adiante a estratexia para apear ao rexedor do seu posto, que após a ruptura do pacto de Goberno o ano pasado e uns meses de enfrontamentos internos ten unha equipa de dous concelleiros.

O portavoz do BNG no Concello, Luís Seara, instou esta terza feira os populares a deixar a súa rúbrica nesa moción “canto antes”. Tamén nas redes lembraron que esta medida xa foi proposta polos nacionalistas en setembro sen que nada mudara. Con Ourense padecendo “meses de caos e parálise”, o Bloque pide que se desbloquee a situación. “O Concello está absolutamente desmantelado”, lamenta, advertindo de que xa non hai ningunha escusa que lle sirva ao Partido Popular.

Reacción do secretario xeral do PSdeG

Tamén hoxe o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, -que acudiu de visita a Ourense para apoiar a Villarino na súa decisión- advertiu de que se o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, e o presidente provincial, Manuel Baltar, non facilitan agora a moción de censura contra o alcalde Gonzalo Pérez Jácome “quedarán retratados como os grandes mentireiros da historia política da cidade”.

“Teñen que decidir se queren sacar a Ourense da parálise ou van seguir sendo responsábeis desta situación de esperpento”, declarou o socialista, que dixo que a dinámica de pedir “cada día unha cousa” non pode continuar.

Comentarios