Ourense: Villarino, portavoz do PSOE, dá un paso ao lado para “facilitar” a moción de censura

O PP afirmaba que só apoiaría unha moción contra Pérez Jácome se o socialista renunciaba a encabezala.

Rafael Villarino, José Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Rafael Villarino, José Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome. (Fotos: Europa Press)

Rafael Rodríguez Villarino, portavoz do PSOE no Concello de Ourense, anunciou esta segunda feira que estaba disposto a se “afastar” para permitir que fose adiante unha moción de censura contra o actual rexedor, Pérez Jácome.

Jácome goberna a terceira cidade da Galiza con só 3 concelleiros grazas a que o PP se negaba a apoiar unha moción contra mentres Villarino fose o candidato a substituílo. O socialista opta por dar un paso ao lado e sitúa a bola no tellado do PP.

O portavoz do PSOE enviou unha carta á sede provincial do PP para emprazarlo a que antes deste sábado, 24 de abril, responden se prestan o voto necesario para a moción de censura xa sen el á fronte.

Villarino asegura que os populares xa coñecían a súa decisión tendo en conta que o pasado 7 de abril reuniuse co portavoz municipal do PP, Jesús Vázquez, para trasladarlle que "o máis importante non son unhas dedicacións exclusivas" senón "cambiar o rumbo da cidade" e que por iso se afastaba para "salvar Ourense". 

En 2019 Pérez Jácome fíxose coa alcaldía de Ourense co apoio do PP, nun pacto polo que o líder de DO chegaba á Casa Consistorial e o popular Manuel Baltar mantiña a presidencia da Deputación para o que necesitaba o apoio de DO.

O presidente da Deputación afirmou a semana pasada que o socialista Rafa Villarino ─candidato máis votado nas municipais de 2019─ sería "peor alcalde para Ourense do que é Gonzalo Pérez Jácome".

Comentarios